SOBRE UN EDIFICIO ALTO, DEGRADADO,
.
acumúlanse as pombas
entre as bufardas.
Máis arriba, na torre da igrexa,
a campá balancea e toca.
Unha pomba, ou tres ou catro,
ensaian, namentres, un efémero voo.
Voltan a pousar. Outras pombas
se elevan de novo.
(De todo provén a sustancia
do irreal).
A música, que non os toques,
abrangue todo:
é de todas as pombas,
ou de ninguén, nin do poeta,
ou quizais unicamente, neste poema,
do edificio baleiro
e da árbore á retaguardia,
que, contida, só ás veces
se move, trémula, pracenteira, suave
e para min lonxana, tan lonxana
como o edificio baleiro,
misteriosamente ocupado por
unha franxa de sol
e unha faixa de sombra.
FRANCISCO CANDEIRA
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.