A BELEZA
.
“Plinio el Joven, en el libro tercero de sus Epístolas,
escribe que no hay libro tan malo que no tenga algo bueno.
Este dictamen, que Cervantes leyó, confirma mi sospecha
de que la belleza es común.”
J. L Borges
A beleza fainos tremer. É repentina, insólita.
En certo sentido a beleza parécenos repentina, sublime.
E cando falo de beleza
falo de certas persoas, dalgúns libros, de precisas paisaxes,
de escolleitas obras de arte, de luces e sombras, de cidades…
Quizáis para min a beleza sexa un Exceso.
Pero a beleza en sí non é un Exceso: é simplemente
unha deslocazón no Espazo e no Tempo.
Tamén ten que ver coa miña limitazón.
(Agora si que vos fastidiei.
Agora con esta sentencia
rarefeita, boquiaberta, intransmisíbel
si que vos amolei, e ben amoladiños, ¿non si?)
E cando falo de beleza
non falo de min, evidentemente, falo de outros seres e de cousas alleas.
E non quero dicir que eu sexa insoportábel,
xa se sabe que non o son…
mais a mitoloxía que busco – a mitoloxía que leo a diario –
quizais sexa INQUIETANTE:
odiada – por vós -, atractiva – para vós (os poucos que me facedes caso).
!Ai daqueles que naceron para correr
tras ríos subterráneos!
!Só os ríos que van dentro tremen.
E porque corre moi lonxe, unicamente o(s)
Río(s) Negro(s) ilumina(n) a LÚA
a FESTA
a SANTA COMPAÑA
a RAZÓN
a PATRIA
TODO O QUE NON É
NOSO MÁIS BRILLA
EN NÓS!
E como odiades as miñas leituras
voume quedar por aquí. Ide, ide
tomar baño prós rios de verdade,
en calzoncillos chupade xelados,
e mirade pró sol cos ollos pechadiños…
!Fai unha calor que até o sol anda coa boca
aberta!
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.