MISTERIOSO MAR
.
Todos os mares teñen un misterio.
O mar que está ante min,
este mar que ondea aquí en Lisboa
mecido por vaivéns de seu,
recría ondas de lonxanos mares,
aporta vagas senlleiras:
vagas
inexcrutábeis como um segredo,
longas cal unha voz
de profunda caverna
chea de mensaxes saudosas
e lembranzas eternas.
Este mar grandioso, exaltado, libre
traime a túa alma chea de degoros.
Cada barco é case todos os barcos.
Cada naufraxio é case todos os naufraxios.
Cada abismo é case todos os abismos.
Cada onda é case todas as ondas.
Cada onda arrastra un agarimo.
e encerra un designio.
Cada onda acorda anacos do teu soño,
rapta verbas inaudíbeis dun deus.
Cada onda persegue algunha historia:
unha historia
indescifrábel como as velhas árbores
abaneadas por primaveras novas,
clara como as palabras sospeitadas.
Cada onda procura algún misterio
comprensíbel para todos
e para todos tamén inefábel…
E quedamos calados, abraiados,
Tal vez sós ou tal vez acompañados
E indecisos quedamos
ollando, coas nosas preguntas suspendidas.
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.