SEREI DE RIBA DE CHAN
.
Serei de riba de Chan.
Riba de Chan é a miña Patria.
Riba de Chan queda xalundes.
Podo recordar
o retrato dunha clepsidra
cruzada por unha gran nube de neblina,
bruxas e barcos imponentes que se acercan
(orgullosos, serios, tenros, moi lentos).
Un varredor que fala de Tarot, de runas,
números e grafoloxía.
O Nilo entrou en min: cada vez flui máis lonxe.
Compenso a súa ausencia figurando o cero
e o tres coa man esquerda,
coa man direita
figuro o seis e o nove.
Con ambas as dúas mans simbolizo
o número oito.
Pouso as gafas.
Acaricio uns anteollos.
Unha figa e un arrouto
reprimido poñen a camiñar un gato.
Hai poetas que non existen
porque parecen perfeitos.
Outros coexisten
porque son emigrantes
do tempo.
Vivo a fins de Xaneiro
e ando un mes atrasado.
Puidera estar once meses adiantado,
estar a tumbar dous paxaros dun só tiro.
Teño que rematar este poema
e vou á cociña. Corto a primeira
fatía de Bolo Rei e tócame a faba,
corto a segunda e tócame o “brinde” (un brinco).
Eu son de Riba de Chan.
FRANCISCO CANDEIRA
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.