GOZO DO ENFÁTICO TRINO
nesta lúbrica alborada ateigada de avelairas…
Neste cuarto alado por soños
sen presenza de careixas
síntome iluminado
e, moi ledo, xa todo me namora:
Mundo e Luz (non esa cinza)
E tamén – agasallado por ti
e por estas tellas (cadernos ruborizados
imbricando sabeduría cuxas letras
unha neve de antano xa borrou) –
as follas máis novas dos amieiros,
seivas ocultas,
veigas onde brillan viñas,
o vento e as carqueixas,
mil camiños andados, outros mil que non pisei,
catro cores quentes para catro aves,
todas as barallas por cadubar,
chanzos de luz,
arume orballado,
lerias e trebellos coruscantes,
mil libros nacidos da pedra e do aire,
mil alboradas, mil tardes, mil noites
abertas entre a memoria e o olvido.
FRANCISCO CANDEIRA
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.