PARA REDIMIR O QUE NON SABEMOS OU O QUE SE DI A MEDIAS
.
Soamente pido unha noite iluminada por un soleil noir,
un delirio sempre en fuga, unha voz que entoe pois poboados silencios
muller que non escribes para certo silencio,
que non es volúbel nas razóns profundas
e sais incólume de tantos perigos
e non fas caso de espúrios ideais
e es inmarcesíbel ante toda ilusión
e desprecias inocuas accións e pusilánimes ignorancias.
Para ti son todas as cousas ledas,
muller que convertes as páxinas en branco en berros nidios,
que cantas o mundo e traballas a palabra do soño
mentres segues a rota do vento cando vai pra ningures
mentres no fogar vello dos antergos aínda arden as cepas
con lume eterno e misterioso,
e sabes que nas veigas os homes
xa non danzan as danzas do noso,
e que xa non hai catro xogos
para cadansúa xeira,
e lembras que as lúas enxendran panteras tenras,
e que sofren os homes
moita inxustiza neste mundo noso.
Eu direi que, se non escribo, deambulo
pola cidade amando, en silencio, as persoas
que, depar de min,
pensan cousas belas:
con beleza:
Sen Tempo.
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.