OS ACENOS DO SILENCIO

.

I

Porque amamos desmesuradamente a palabra

amamos o silencio.

 

II

E nesta alborada aberta a todos os xílgaros

clarexar o silencio até tornalo belísima palabra inefábel.

 

III

De nada serve o pensamento

se non chegarmos á raiz da chama

De nada a palabra se non tocarmos o nervo do silencio.

 

IV

Sentir, indicar con cálido aceno a enerxía do poema

e adornar a palabra de branco silencio insinuante

e deixar unha notiña de música no incríbel Universo.

 

V

Amo a palabra exaltada se garda en si algún silencio,

se recolle a forza dos astros, da terra fonda, do soño,

se de modo libre desenmascara a Mentira con infinita paixón polo mundo.

 

FRANCISCO CANDEIRA

 

Deixar un comentario