
.
GALÉFOBOS: Son os que tiran pedras contra o propio tellado. Retomando o refrán da introdución, estes son os burros que ornean na súa terra. Non só non falan en galego senón que o odian. Non queren que os seus fillos aprendan e falen o galego baixo ningún concepto. Soen dicir “xa nos están estes impondo un idioma”, e non se decatan (¿ou si se decatan?) de que eles queren impoñer outro. De que se saiba o deles é um dos poucos casos no mundo de seres que presumen de seren ignorantes con esaxerada fachenda.
GALÉGALOS: Espécie estraña de desenvolvemento vertical. Os galégalos posúen grande fachenda e soberbia traza. Reprodúcense por ovos, e soen pasar a vida subidos no pau dun poleiro que en medidas hixiénicas deixa moito que desexar. Os machos deste tipo, nin teñen nin poñen ovos. As femias coñécense polo sonoro e tamén cacofónico nome de galegáliñas.
GALEGOS PROPIAMENTE DITOS: Son os menos, están en perigo de extinción, pero seica non importa.
GAL(E)GOS: (Pronúnciase galgos, pois o e é mudo). Son os que máis corren. Distínguense do resto das espécies porque, unha vez que se lles fai entrar en conversa axeitada, acaban revirando o refrán que di “o boi de onde pace e o home de onde nace”, por estoutro que di “o boi é de onde nace e o home de onde pace”. Nótese que neste caso as palabras boi e home perden o sígnificado real. Os gal(e)gos soen ter éxito na vida, aínda que sexa un éxito bovino. Calquera zoólogo os encadraría entre o grupo dos mamíferos artiodáctilos, pois ser son coma os bois, ben que teñan faccións humanas.
GALEGOTES: Galegos grandes que navegan a remos ainda nos tempos que corren. Hainos de mar e de rio.
GALEGULOS: Os amantes de comelladas. Para eles toda a cultura está na festa de exaltación do marisco, do polbo á feira, do carneiro ao espeto, dos pementos de Padrón, do cocido de Lalín, ou da caldeirada máis grande do mundo para aparecer no Guinness. Soen acabar gordos. Obsérvese que é unha palabra grave, a pesar da tendencia que hai a pronunciala como esdrúxula. Sinónimo de Galarpeiros.
GALEGUISTAS: Galegos de prol que posiblemente se confundisen de país. Na Galiza falan unicamente na lingua galega, mesmo nos seus actos máis intimos. Tódolos galeguistas son galegos, pero non tódolos galegos son galeguistas.
GALEGRES: Os que a pesar de todo son felices. Eu crer non creo neles, pero haber hainos.
GALELOS: Tipo curioso de poboadores, que apesar de sabérense nun país habitado por tantos outros tipos nefastos, ainda o aman (o país) e ainda gostan de vivir nel.
antón cortizas
Publicado en Uncategorized