Arquivos diarios: 11/03/2017

TIPOS DO MEU PAÍS

.

               Galiza é un pequeno país apertado polo mar, bicado polo cariño húmido do ceo, e soportado no ar por unha terra lenturenta, velha e desgastada polo incesante decorrer do tempo.  É linda.  Mais non sei se para ben ou para mal, foi habitada desde épocas inmemoriais por un pobo que se foi facendo, coma todos, pouco a pouco, pero  que ainda hoxe non ten unha ideia moi clara de cara a onde quere ir.  É coñecido o dito de que cando un se atopa nunha escaleira cun galego, non se sabe se sobe ou se baixa.  ¿Será por non querer que se saiba  a onde un vai, ou porque nin el mesmo sabe a onde quere ir?  Triste fado o da indefinición.  Nas enciclopedias, afeccionadas como son elas a comprimir o comprensible e o incomprensible, explican que os naturais da Galiza son os galegos.  Pero a cousa non vos é así tan doada nin tan sinxela.  Despois dunha longuísima pescuda, quen isto escribe chegou á conclusión de que na Galiza existen 33 tipos diferentes de poboadores.  Parece mentira que nun lugar tan pequeno haxa tanta diversidade.  Atrévome a enunciar dúas teorias complementarias que explican o porqué de tanta diversidade tipolóxica.  1ª teoria:  É moi posible que a causa radique na propia humidade do país que favorece o desenvolvemento de fungos, ouricelos e liques sobre as superficies máis diversas, mesmo sobre a pel humana.  En moitos casos incrústanse de tal modo que eses seres vivos, simbolo da invasión e da sobrevivencia, chegan a estenderen os seus micelios ata o máis fondo da alma humana, de tal xeito que cando o normal seria que houbera uniformidade nos tipos que definen un país nos pensamentos básicos, profundos, metafísicos e colectivos, na Galiza non ocorre nada diso e en tan pequeno territorio (apenas 30.000 km2), e en menos de tres millóns de habitantes parece mesmo un milagre que haxa tanto autóctono diferente.  2ª teoria:  Reforma e complementa a anterior.  A diversidade está na propia lingua na que falan e pensan os individuos.  Polo refraneiro sábese que “na sua terra ou o burro fala ou o burro ornea”.  Efectivamente, orixínanse tipos diversos de galegos segundo o uso, abuso, desuso ou mal uso que se fai da lingua.  Evidentemente, este traballo é unha mera e brevisima exposición, pois cada un destes tipos merece un estudio á parte, ao cal o autor pensa adicar o resto dos seus dias e parte das súas noites.  Sen máis demora  dou paso xa  á relacion dos diferentes tipos do meu país, ordenados por orde alfabética e acompañada dunha breve definición.

ESPAÑOLES:  Chamanse deste modo os que naceron na Galiza como puideron ter nacido en calquera outra parte.  Distinguirémolos moi ben de falarmos con eles sobre marisco, pois  confunden nécora con pécora, percebe con pesebre. mexillón con mesón, ameixas con cereixas, luras con bulas e polbo con coito.  O seu nome escribese todo con maiúsculas, pois eles non o aceptan escribir doutro modo, tal é o grande concepto que teñen de si mesmos.  Non se deben confundir cos españois, que son xentes máis ou menos normais, de dentro e fóra da Galiza.  Endebén, por confusión e contaxio, moitos españois, de non se vacinaren contra a enfermidade carencial de sentido común, corren o risco de convertérense en ESPAÑOLES moi rapidamente.

GALAICOS: 1 Tipos finos encrequenados no pasado.  Gostan da historia pero non teñen memoria.  Falarían aínda en latin se soubesen, pero como non saben non o falan. Tampouco falan galego.   2 Galegos aconfesionais.

GALARPEIROS:  O mesmo que galegulos.

GALECIOS:  Galegos necios, para que dicir máis.  Sinónimo: Galicidas.

GALÉCTICOS:  (Pronúnciase cun e moi aberto, case a).  Defínense a si mesmos como galegos universais.  Aseguran que a súa patria é o mundo, pero non falan o idioma do mundo, senón o castelan, co cal se contradín a  si mesmos e fan ver que o seu mundo non é tan universal como din.

ANTÓN CORTIZAS