Arquivos diarios: 07/06/2012

Darío e Breixo diante do ordenador

A perla, de John Steinbeck

Esta novela de John Steinbeck paréceme unha pequena xoia da literatura. Unha novela breve, de arredor de 100 páxinas, moi intensa. Publicada en 1947.

O tema principal é a cultura da pobreza, o círculo vicioso no que está atrapada e as dificultades para superala.

O argumento: Kino vive nun poboado de pescadores, nun arrabalde dunha pequena cidade no norte de México. A pobreza é a condición básica do poboado. Kino vive coa súa muller nunha cabana e acaban de ter o seu primeiro bebé. O seu maior anhelo, como o de todos os pescadores, é atopar unha perla única que lle permita cumprir os seus soños. E un día consegue atopala. Sen embargo os seus desexos tropezarán coa crúa realidade e terá dificultades para acadalos.

Gustoume moito o retrato vivo, moi real e próximo, do ambiente e os personaxes. Especialmente o recurso de utilizar as cancións (a canción da familia, a canción do mal, a canción da perla…) como contidos básicos da mente de Kino. Nesas cancións queda condensado o saber e a cultura dos antepasados de Kino, a súa percepción diante das situacións agradables, perigosas ou fatídicas da vida. Neste senso son unha forma de obxectivación do “habitus” teorizado por Bourdieu. As cancións tamén representan o transfondo emocional que goberna sobre as razóns e son o substrato do pensamento de Kino, e por extensión, do seu grupo social e da cultura da pobreza.

Tamén me gustou moito a narración do momento en que Kino descobre a súa perla. Nese instante en que cre percibir o seu destello precipítase sobre a súa emoción, como nunha especie de experiencia mística, toda a enerxía acumulada nos longos días, meses e anos de intensos e solitarios anhelos.