Arquivos mensuais: Xuño 2012

A gaivota, de A. Chéjov

A gaivota é unha obra teatral de Antón Chéjov.

Diría que reflicte con naturalidade a complexidade das emocións do amor humano nun contexto concreto: no momento histórico de fins do século pasado e no espazo social da Rusia rural e aristócrata. Amores alimentados polos ideais contraditorios cultivados no inconsciente colectivo dunha clase social sometida a unha rápida transformación social por causa da revolución industrial: por un lado pervive nas conciencias a orde moral tradicional, por outro, as novas condicións sociais permiten soñar con rebelarse contra esa orde establecida, e precisamente desa rebelión emerxen novos desexos incumpridos e esperanzadoras promesas de liberdade e emancipación.

Que podemos ver nos ceos este verán?

Os mellores días para observar o ceo neste verán de 2012 serán, como soe ser habitual, os días de lúa nova, e que cadran no 19 de xuño, o 18 de xullo, o 17 de agosto e o 15 de setembro.

Estarán moi visibles os planetas Saturno e Marte, ademais da habitual constelación de Saxitario e a zona do triángulo do verán, coas estrelas Altair, Vega e Deneb nos seus vértices.

Ver máis información no artigo de Antonio Pérez Verde, no Huffingtonpost.

A gata enriba do tellado de zinc quente, de Tennessee Willians

Como unha gata enriba dun tellado de zinc quente, que queima baixa as súas patas, e que salta rabiosa como nun baile ritual, pero sen pensar botarse abaixo. Así é como se sente Maggie, atrapada nunha relación de familia na que as mentiras, a hipocresía e as falsas apariencias acaban consolidándose ata adquirir a categoría de “naturais”, e da que é imposible escapar. Un tratado sobre as relacións humanas.

Por esta obra, de xénero teatral, Tennessee Williams (escritor sureño norteamericano, declarado homosexual, alcohólico e drogadicto, entre outras propiedades), recibiu o premio Pulitzer en 1957.

Darío e Breixo diante do ordenador

A perla, de John Steinbeck

Esta novela de John Steinbeck paréceme unha pequena xoia da literatura. Unha novela breve, de arredor de 100 páxinas, moi intensa. Publicada en 1947.

O tema principal é a cultura da pobreza, o círculo vicioso no que está atrapada e as dificultades para superala.

O argumento: Kino vive nun poboado de pescadores, nun arrabalde dunha pequena cidade no norte de México. A pobreza é a condición básica do poboado. Kino vive coa súa muller nunha cabana e acaban de ter o seu primeiro bebé. O seu maior anhelo, como o de todos os pescadores, é atopar unha perla única que lle permita cumprir os seus soños. E un día consegue atopala. Sen embargo os seus desexos tropezarán coa crúa realidade e terá dificultades para acadalos.

Gustoume moito o retrato vivo, moi real e próximo, do ambiente e os personaxes. Especialmente o recurso de utilizar as cancións (a canción da familia, a canción do mal, a canción da perla…) como contidos básicos da mente de Kino. Nesas cancións queda condensado o saber e a cultura dos antepasados de Kino, a súa percepción diante das situacións agradables, perigosas ou fatídicas da vida. Neste senso son unha forma de obxectivación do “habitus” teorizado por Bourdieu. As cancións tamén representan o transfondo emocional que goberna sobre as razóns e son o substrato do pensamento de Kino, e por extensión, do seu grupo social e da cultura da pobreza.

Tamén me gustou moito a narración do momento en que Kino descobre a súa perla. Nese instante en que cre percibir o seu destello precipítase sobre a súa emoción, como nunha especie de experiencia mística, toda a enerxía acumulada nos longos días, meses e anos de intensos e solitarios anhelos.

Breixo sabe debullar fabas

Darío aprende a montar en bici

O mapa e o territorio, de Michel Houellebecq

É unha novela que lin con gusto. O tema principal trata da relación entre o mercado da arte contemporánea (ou unha parte del) e a evolución da sociedade industrial europea ata o seu anticipado final. Polo tanto, arte e socioloxía van da man nesta obra.

O argumento reconstrúe a biografía dun famoso artista francés contemporáneo (Jed Martin) en catro etapas da súa traxectoria artística: na primeira, usa a fotografía para rexistrar obxectos inertes, destinados a formar parte de catálogos comerciais; na segunda, contiúa coa fotografía e son os mapas de carreteras de Michelin a súa nova fonte de inspiración artística; na terceira,  xa como pintor, os seres humanos adquiren o protagonismo, retrata oficios ou profesións diversas, cos seus protagonistas captados en momentos culminantes que procuran transmitir a esencia do seu oficio ou profesión; na cuarta e última etapa, o artista utiliza os videogramas para simbolizar o trunfo da natureza, do mundo natural, agrario e rural, sobre a sociedade industrial. Entre medias cóanse a relación de Jed Martin co seu pai, un arquitecto xa retirado; e a relación afectiva de Jed con Olga, así como tamén outras relacións humanas con outros personaxes da novela.

Gustoume moito as descricións que o autor fai das obras pictóricas de Jed Martin, como se fose un crítico de arte consumado, que logran poñer diante dos ollos do lector os cadros que describe e que consegue transmitir a paixón que esas obras encerran. Tamén me gustou o atrevemento do autor ao construír o seu propio personaxe, o dun escritor baixo o seu propio nome real, que manterá unha relación profesional e afectiva con Jed Martin.

Gustoume menos o cambio brusco ao comezo do terceiro capítulo, como se comezase outra novela, de xénero policíaco, tralo descubrimento dun crime atroz. Sen embargo, superadas esas páxinas como unha paréntese, a novela retoma o seu sentido.