Software libre

Imaxinemos que estamos no inverno, que vai moito frío aí fóra e que estamos dentro da nosa acolledora casa coa calefacción posta. Por suposto que temos todas as ventás pechadas, ou ao menos é iso o que nos gustaría, pois no caso contrario iríasenos moita enerxía por unha única ventá que estivese aberta, co cal, ademais de gastar diñeiro en van, tamén sentiríamos un frío non desexado.

Pois a realidade demostra que moitas veces, sen querer, é iso precisamente o que sucede, e sóenos quedar algunha ventá aberta pola que se nos escapa o calor que tanto custa manter. Son as pequenas ou grandes contradicións da nosa vida, coas que cargamos moitas veces sen saber, e que nos debilitan. Que nos fan perder coherencia nos nosos actos e dispersan a nosa atención. Podemos, por exemplo, defender o uso dunha lingua minoritaria, como o galego, e sen embargo falar castelán habitualmente sen sentir de xeito consciente que algo non encaixa. Podemos defender de palabra o consumo responsable ou o comercio xusto, e sen embargo, ao día seguinte ir mercar os produtos máis baratos, made in China, no centro comercial máis grande e publicitado. Outras veces, mesmo sen sabelo, podemos estar utilizando ferramentas e recursos que contradín os nosos principios, por simple ignorancia ou comodidade, razón pola que perdemos unha oportunidade magnífica para reforzar e consolidar unha conciencia coherente e lúcida.  Ese pode ser o caso co Software Libre, e en maior medida en canto que cada día que pasa convivimos durante máis tempo diante dos ordenadores, que se van convertendo nunha segunda casa, e convennos máis convivir con amigos/as aos que coñecemos que con inimigos/as ou simples seres estraños que non significan nada para nós, pero que serven a outros amos.

Porque deberiamos saber que existe unha gran comunidade de persoas en todo o mundo, a Comunidade do Software Libre, que traballa maioritariamente de xeito altruísta por promover esta causa,  a da produción e o uso do software libre en todo o mundo, en base a razóns éticas (implica compartir o coñecemento), razóns económicas (soe ser máis barato), e tamén razóns técnicas en moitos casos (maior seguridade, pois o código é aberto, etc.). No outro extremo estarían grandes empresas multinacionales que directamente “impoñen” o seu software aos grandes distribuídores, e coas  que nós estamos colaborando simplemente cando usamos ese software sen facernos cuestionamento algún.

Pero vaiamos ao tema:

Que é o software? Software é calquera aplicación ou programa que teñamos instalados no noso ordenador, e que nos permite traballar ou xogar nel, como por exemplo un procesador de textos, un editor de imaxes, un visualizador de vídeos, un xogo calquera, ou mesmo un sistema operativo (Windows, Linux, etc.). Por outro lado, os compoñentes físicos do ordenador, como o monitor, o disco duro, a memoria, etc., denomínanse “hardware”.

Por que falamos de software libre? Porque tamén existe o software privativo. Este é o que elaboran grandes ou pequenas empresas dedicadas a esa tarefa e que rexistran coas súas patentes, para manter os dereitos de explotación dese software, como se doutro produto comercial calquera se tratase. Entón o consumidor merca o software e paga polo dereito a poder usalo. Pero ese cosumidor non ten dereito a ver o código do software e a poder modificalo, e tampouco a distribuílo libremente entre os seus amigos/as.

E que é o software libre? É aquel software que é elaborado na súa maior parte por programadores ou por empresas que publican o código deste software baixo unha licenza libre, que permite a calquera usuario ver ese código e poder transformalo. En particular, o software dise que é libre cando lle permite ao usuario o exercicio de catro liberdades básicas:

0. Executalo con calquera propósito
1. Estudar como funciona e adaptalo ás súas necesidades
2. Distribuír copias
3. Melloralo, e liberar esas melloras ao público

Coa única restrición do copyleft (calquera que redistribúa o software, con ou sen cambios, debe dar as mesmas liberdades que antes), e co requisito de permitir e acceso ao código fonte (imprescindible para exercer as liberdades 1 e 3).

Neste enlace podemos ver unha breve introdución ao software libre.

Quen forma a Comunidade do software libre? Todas aquelas persoas e empresas que participan na elaboración, distribución ou uso de software libre e defenden a súa promoción.

Richard Stallman é o ideólogo máis recoñecido da promoción do software libre. Presentamos o vídeo elaborado para o FLISOL 2009, no que fala do que é o Software Libre, cáles son as liberdades que nos ofrece, e a importancia do seu uso para unha vida ética en sociedade. O vídeo dura case media hora, por iso recomendamos especialmente velo entre os minutos 4 e 8, onde fala da liberdade nº 2.

Video de Richard Stallman para el FLISOL 2009 from Sergio Vallejo on Vimeo.

Se che interesou o tema e queres indagar máis, neste blog tes un bo punto de partida.

Deixar un comentario