Arquivo da categoría: Conciencia social

Por que os pobres votan á extrema dereita?

Nun contexto de sociedades occidentais capitalistas avanzadas, por que os pobres votan á dereita política?

En España crece paulatinamente o voto cara ao partido situado máis á dereita do espectro político, e parte importante deste voto procede da chamada clase obreira e mesmo unha parte de persoas migrantes. Esta circunstancia parece que atenta contra os propios intereses desta clase, pois defende posicións que claramente a prexudican. Non foi este partido quen creou ou apoia hoxe en día o SMI ou a subida das pensións, e se puidera mesmo reduciría notablemente o gasto social que sustenta o estado do benestar e as condicións de vida dos máis pobres.

A raíz do problema parece estar na desigual distribución da riqueza, no feito de que un cantos ricos acaparan a maior parte do capital, mentres que un enorme número de persoas simplemente subsisten con salarios baixos que apenas lles permiten cubrir as súas necesidades básicas ou aquelas que lles promete o sistema (vivenda, vacacións, consumo indiscriminado, etc.). A análise básica dende unha óptica de esquerdas apunta a que unha parte importante deste voto procede dun malestar ou rabia xeneralizada xerada pola situación vital de cada votante, frustrado ante as expectativas vitais xeradas polo sistema. O votante non está satisfeito coa súa vida e dirixe a súa rabia contra causas ficticias (inmigración, racismo cultural…), alimentado pola particular información que circula por canles específicas de redes sociais, xestionada por un grupo de mercenarios que reciben a financiación necesaria de sectores diversos das elites económicas e que teñen por obxecto non a análise obxectiva e a busca da verdade, senón impoñer un relato básico, fundamentado en emocións, que cohesione un grupo ferido coas súas condicións de vida e que atopa aquí un lugar de desafogo e de recoñecemento social. No lugar de canalizar a súa rabia contra os verdadeiros opresores, é dicir, contra as elites económicas, que oporían seria resistencia, as clases populares actúan como os seus mercenarios de xeito inconsciente e gratuito, como cans de présa que cuspen a súa rabia contra os seus iguais, moito máis vulnerables e accesibles, presumindo de valentía diante do que non é máis que unha absoluta cobardía.

Algúns dos seus argumentos básicos apuntan a que os inmigrantes compiten polos recursos do estado e acaparan axudas e servizos que expulsan dos mesmos ás persoas nacidas no país. Non queren recoñecer que a maioría desas persoas traballan en postos que os nacionais non queren, como agricultura, hostalería ou servizos domésticos, que contribúen cos impostos aos servizos que o estado do benestar ofrece a todos, e que se traballan nas condicións que o fan é porque os empresarios e os empregadores, a maioría nacionais, contrátanos nesas condicións e son máis responsables que eles desa situación.

O que realmente sucede xorde da propia lóxica do sistema capitalista de produción, que ao tempo que crea as súas propias contradicións, as súas crises, tamén é capaz de integrar as propostas de solución dentro do propio sistema. Como exemplo temos o xurdimento do fascismo ou do nacionalsocialismo na Alemaña nazi, como produto da evolución do sistema capitalista no contexto dos anos 1920-1940. Outros exemplos máis recentes son a chamada globalización ou máis recentemente o que Varoufakis (2024) denomina tecnofeudalismo. O primeiro fenómeno supuxo o traslado dos medios de produción a países como China ou o sudeste asiático, con custos mínimos e que inundan os países máis ricos de bens de consumo a costa da perda de manufacturas e industria. Os consumidores europeos ou norteamericanos entran na lóxica das compras compulsivas de todo tipo de cacharrada (bazares chinos, roupa, comida…), utilizando medios achegados polas novas tecnoloxías de información (Amazon como bandeira), que coloca o produto na porta da nosa casa coa maior comodidade e o menor custo. Unha consecuencia máis desta lóxica é a destrución do comercio local e das relacións sociais fundamentadas neste. Esta situación experiméntase nun nivel emocional, provocando pracer por unha beira e dor pola outra, xerando unha nova contradición existencial. Podemos desfrutar da compra compulsiva de moitos bens ao tempo que nos queixamos dunha maior precarización, da perda de condicións laborais ou de relacións sociais sustentadas na proximidade e no apoio mutuo.

No segundo caso, o tecnofeudalismo supón a concentración do capital cara á creación de novos feudos ao estilo medieval, creados polas principais empresas tecnolóxicas e os servizos na nube. Os antigos proletarios e empresas convértense en servos e vasallos do novo señor feudal; os primeiros repartindo paquetes, e os segundos pagando as rendas ao señor por utilizar os seus servizos que lles permiten poñerse en contacto cos clientes.

Unha primeira análise básica desta situación ofrécenola Karl Marx, co seu concepto de ideoloxía. Pierre Bourdieu achega unha perspectiva desde a socioloxía e os seus conceptos de habitus e violencia simbólica. Zizek fálanos de conciencia cínica e incluso utiliza o concepto de culpa da man da psicanálise. Vexamos ampliada cada unha destas propostas.

Para Marx a ideoloxía, entendida como falsa conciencia, xorde das condicións materiais de existencia, das relacións de produción entre os traballadores e os capitalistas, os primeiros vendendo a súa forza de traballo para sobrevivir e os segundos sacando o máximo beneficio a esa forza de traballo para que o capital se reproduza. Os traballadores interiorizan a ideoloxía dominante capitalista, fundamentada na meritocracia, ata constituírse en hexemonía, seguindo a análise de Gramsci. O antídoto para superar esta situación sustentaríase na educación das masas, en facelas conscientes da ideoloxía dominante e darse conta que a orde social non é natural, senón arbitraria e xerada por unhas particulares condicións históricas dos modos de produción e reprodución.

O sociólogo francés Pierre Bourdieu (1930-2002) sostén que a dominación máis efectiva é a que non é recoñecida como tal, e exércese coa complicidade de quen a sofre, mediante o proceso de violencia simbólica. Isto sucede porque o dominado incorpora no seu “habitus” as mesmas categorías e esquemas de pensamento que utiliza o dominador. O habitus consiste nun proceso de interiorización das condicións de existencia, no conxunto de maneiras de percibir, sentir e actuar que adquirimos ao longo da nosa vida social. É como un sistema operativo incorporado que condiciona as nosas reaccións e comportamentos, os nosos gustos, de maneira automática, sen necesidade de reflexión. No campo político actual a dereita logrou impoñer un discurso dominante que relaciona o éxito co mérito individual e o fracaso coa falta de esforzo. Esta visión acéptase como a forma normal de ver as cousas, de xeito que os sectores populares non só aceptan a súa situación senón que poden culpar a outros grupos marxinados como os inmigrantes ou as minorías pola súa precariedade, en lugar de cuestionar o sistema mesmo. Os pobres non son só explotados economicamente senón que tamén reproducen activamente as estruturas que os oprimen. Fano porque ven como natural unha orde social que en realidade é arbitraria e construída historicamente; é como se usasen anteollos impostos que lle fan velo mundo de certa maneira sen ser conscientes de que os levan postos. Este é o poder da dominación simbólica.

Slavoj Zizek (1949-), filósofo esloveno, afirma que o capitalismo xa non necesita que creas nel, só necesita que actúes como se creras. A fórmula marxista clásica apostaba pola educación para superar a ideoloxía dominante, e esta estratexia funcionou de xeito aceptable, os obreiros lograron máis dereitos e mellora das súas condicións laborais, e o sistema evolucionou adaptándose. No momento actual a xente sabe perfectamente o que está pasando pero actúa como se non o soubese, desenvolvendo unha conciencia cínica, moito máis perigosa que a falsa conciencia, pois esta conciencia cínica xa está concienciada. Botando man da teoría psicanalítica de Lacan, Zizek propón que isto non se sostén por resignación ou por falta de alternativas, senón pola existencia dun goce oculto nesta contradición, un pracer inconsciente en saber que estamos facendo algo mal e facelo igual, nunha posición de superioridade intelectual combinada con impotencia práctica. No fondo gozamos da nosa propia complicidade, gozamos con poder criticar o sistema mentres participamos del. O sistema non che pide que creas que está ben explotar traballadores, pídeche que actúes como se fose inevitable, que incorpores esta contradición como parte do custo de vivir na modernidade. Este cinismo estrutural é o que permite que o capitalismo sobreviva á súa propia crítica. O capitalismo xa non ignora as críticas, convérteas en produtos. O sistema fai que as solucións aparentes manteñan intacta a lóxica que xera os problemas, como por exemplo no capitalismo verde, constituíndo novas oportunidades de mercado e áreas de negocio, non solucionando os problemas, senón perpetuándoos. Zizek identifica o primeiro paso para saír do cinismo, e sería recoñecer que estamos nel, recoñecer que estamos gozando da nosa propia impotencia, mantendo a ilusión de que non hai alternativas.

Fontes:

Zizek: el genio perverso del capitalismo moderno (Youtube: Sociología para entender la sociedad, 20 min)

Zizek: El sublime objeto de la ideología (Youtube: Darin McNabb, Partes 1 e 2)

Bourdieu: Bourdieu explica: ¿Por qué los pobres defienden a quienes los oprimen? (Youtube: Sociología para entender la sociedad, 11 min)

Marx: ¿Por qué los pobres apoyan a la derecha? (Youtube: Frases de Marx, 12 min)

Varoufakis: Tecno-feudalismo. ¿Por qué somos siervos en la nube? (Youtube: Claudio Álvarez Terán, 31 min)

Cintora: ¿Quién está detrás de Vox, Abogados Cristianos y Vito Quiles? (Youtube: Jesús Cintora, 17 min)

Unha poeta holandesa que fala galego e arrinca eucaliptos

Noticia publicada no xornal LA VOZ DE GALICIA, o 27/03/2024

“Noa Noor, de 28 anos, é unha holandesa de La Haya. Pero é máis galega ca un toxo. Fala un bonitiño galego coas ferramentas que ten, coas palabras que foi aprendendo nos case tres anos que leva nesta terra; sente Galicia moi dentro, de feito, cre que é o seu sitio no mundo, e é unha namorada do rural, das aldeas e… das comunidades de montes. Si, si… do monte comunal.”

Seguir lendo en La Voz de Galicia

Antropoloxía neoliberal

Artigo de opinión de Amador Fernandez.-Savater, no diario El País.

“En los andares, en los gestos, en los rostros, Pasolini percibe una vasta transformación en curso en la Italia de los años setenta. La penetración del desarrollo y el consumo arrasa con las formas de vida populares y produce una homologación cultural sin precedentes. Es una “revolución antropológica” muy profunda que afecta a capas del ser que el dominio del fascismo o de la Iglesia ni siquiera habían arañado.”

Eleccións municipais 2015 – Resultados en Ponteareas

Chegou a hora do cambio de alcalde en Ponteareas?

Temos a seguir os resultados das eleccións municipais de maio de 2015:

Concejales Votos Porcentaje
PP 7 3.434 30.84%
B.N.G. 5 2.297 20.63%
PSdeG 4 1.965 17.65%
ACIP 3 1.705 15.31%
ARDT 1 646 5.8%
EU 1 586 5.26%
CxG 0 292 2.62%
Votantes:11444 Abstención: 36.47% Blancos: 209 Nulos: 310

A noticia no xornal FARO DE VIGO

Comparativa dos resultados de 2011 e 2015 (Faro de Vigo)

Adeus a Günter Grass e a Eduardo Galeano

Hoxe deixáronnos dúas das figuras máis relevantes da literatura do século XX. Unha lembranza para eles:

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/04/13/actualidad/1428918239_167030.html

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/04/13/actualidad/1428928171_482353.html

César Bona, candidato ao ‘nobel’ dos profesores

(Invitamos a ler este artigo publicado no xornal El Huffginton Post)

Está o mellor profesor do mundo en España? César Bona García é mestre no colexio público Puerta Sancho de Zaragoza, ten 42 anos, é licenciado en Filoloxía Inglesa e convertiuse no único español seleccionado para o Global Teacher Prize, considerado o nobel do ensino e dotado cun millón de dólares.

GLOBAL TEACHER PRIZE. César Bona from pluviason on Vimeo.

Neste vídeo resúmense 6 anos do traballo de César Bona nas aulas. Nel aparecen ex-alumnos, pais e nais de ex-alumnos, directores de escola, mestres…

Ler todo o artigo en El Huffington Post.

Keep calm and carry on, hai país (Artigo de Roberto Mera no Faro de Vigo)

Keep calm and carry on, hai país

(15/11/2014) (Unha mensaxe de esperanza para o nacionalismo galego)

Piketty, O capital no século XXI

Os ámbitos máis conservadores temen que as teses do economista francés remodelen a paisaxe política.

Le capital au XXI siècle. Thomas Piketty. Seuil, 2013. 624 páxinas. O libro editarao en español o próximo outono o Fondo de Cultura Económica.

Infancia del revés (artigo no xornal El País)

No xornal El País atopamos este marabilloso artigo asinado por Fernando del Berro, que co título “Infancia del revés”, retrata a vida de Juan, un neno que se ergue cada día ás tres da mañá para fabricar ladrillos nas proximidades da cidade de Lima, no Perú.

 

Entrevista a Pablo Iglesias en Vía V (V Televisión)

É moi interesante este artigo publicado no Diario El País, co título Así funcionan los círculos del descontento de Podemos, onde nos descobren a forma asemblearia de organización, 400 asembleas virtuais forman as súas bases. O único requisito para participar é dar o nome e un correo electrónico.

“El sueño del celta” de Vargas Llosa

Vou recomendar este libro. Ten calidade literaria, e pódeche gustar se che gusta a novela histórica, e concretamente o tema do colonialismo europeo no Congo, e na selva amazónica, no Putumayo, nos dous casos co fondo da explotación económica do caucho. O terceiro tema é a loita pola independencia de Irlanda. E o fío que os xunta é o personaxe principal, Roger Casement, figura de orixe irlandés que traballou para Inglaterra como diplomático enviado ao Congo, e posteriormente ao Putumayo, que elaborou dous informes sobre os crimes do colonialismo que acadaron recoñecemento mundial,  e que na parte final da súa vida  foi un dos líderes do independentismo irlandés. A min gustoume e doulle unha valoración alta, aínda que na primeira parte custoume algo meterme nel, e nalgún momento parecíame que sobraba texto, por exceso de descrición na narrativa. Sen embargo, Vargas Llosa vai afondando progresivamente na psicoloxía do personaxe, e consegue cautivarme na parte final.

Entrevista a Teresa Forcades e Esther Vivas, en TVE2

Presentan o seu libro “Sin miedo”, onde nos animan a seguir loitando pola defensa dos dereitos sociais. A historia demostra que os dereitos sociais ninguén os regala, senón que é preciso conquistalos na acción colectiva. Destacan as falsas relacións entre capitalismo e democracia.

“Cuestión de Educación” en Salvados (La Sexta TV)

Con data do 3 de febreiro emitiuse en La Sexta o programa dedicado ao estado da educación en España. Comeza Jordi Évole debuxando o panorama da educación, e en particular da escola pública, mediante unha entrevista a Xurxo Torres (catedrático de educación na Universidade de A Coruña) e outra a Francesc Freixanet (director dunha escola pública en Cataluña). Na segunda parte do programa viaxa a Finlandia para  estudar a realidade educativa nese país e comparala coa realidade española. Acompáñase dunha entrevista a unha profesora finlandesa dunha sección bilingüe en español e a un profesor español que traballa en Finlandia. O contraste entre o sistema educativo dos dous países é moi grande (e tal vez tamén o propio sistema social). O programa remata cunha frase moi emotiva.

Este programa ofrece unha invitación para reflexionar sobre cuestións básicas, como a formación do profesorado e o seu prestixio social, o compromiso político por un modelo educativo a longo prazo, o papel das familias como educadores, etc.

CuestEducacion

A educación prohibida (Película completa)

A Educación Prohibida é unha película documental estrenada no mes de agosto de 2012, dirixida polo realizador arxentino German Doin. Cunha duración de dúas horas e media, e cun formato centrado en entrevistas, é unha invitación á reflexión sobre o papel da escola e dos educadores na sociedade actual.

Na película trabállase material de pedagogos, sociólogos, educadores, semiólogos, filósofos. Algúns nomes son: Erich Fromm, Michael Focault, Ivan Illich, Jean Piaget, Paulo Freire, María Montessori, Ken Robinson, John Taylor Gatto, Jiddu Krishnamurti, Alexander S. Neill, Rebecca Wild, Lev Vigostky, Humberto Maturana, Howard Gardner, entre outros.

Páxina web onde se publica a película e que ofrece toda a información do proyecto (www.educacionprohibida.com)

Relación de experiencias educativas, pedagoxías e métodos referenciados no filme, así como as persoas entrevistadas.

Blog de German Doin

 

Seguidores do 15-M e a cultura libre en Internet poñen en marcha o Partido X

Ver noticia ampliada no diario El País

Wikigoberno, Iniciativas Lexislativas Populares, participación directa dos cidadáns na elaboración das leis, transparencia… E Internet como ferramenta de traballo.

http://partidodelfuturo.net