Arquivo por autores: guilladenses

Matthew Lipman: Filosofía para nenos/as

Esta semana lin dous libros de Lipman, El descubrimiento de Harry Stottlemeier (para nenos/as de 11-12 anos) e Suki (11-15 anos). O primeiro libro, publicado por vez primeira en 1969 é o título central do Programa de Filosofía para Nenos, utilizando unha metodoloxía baseada no diálogo introduce aos alumnos/as no desenvolvemento da lóxica formal. O segundo libro, publicado en 1978, pode entenderse como un taller de poesía, trata cuestións de estética sobre a prosa e a poesía. Suki cuestiona e reflexiona sobre o “sentido” en todas as súas formas; explora tamén, entre outras cuestións, cómo e por qué escribir, qué recursos se utilizan e se é necesaria a experiencia para ter algo sobre qué escribir. É un libro que anima a escribir a todo aquel/a que non se sinta capacitado e non confíe en si mesmo/a.

Como valoración global gustáronme os libros, a pesar de que nalgún momento fixéronseme algo áridos, en todo caso acabaron enganchándome, especialmente o de Suki. Recoméndoos para calquera persoa interesada na educación e que crea que é unha boa causa traballar pola promoción do pensamento crítico e reflexivo no alumnado de primaria e secundaria.

Matthew Lipman (24 de agosto 1922 – 26 de decembro 2010) foi un filósofo, educador, lóxico e investigador estadounidense. Lipman foi o iniciador, o teórico e o líder no desenvolvemento  da filosofía para nenos. O seu traballo tivo por obxectivo promover o ensino xeneralizado da  filosofía e unha adaptación do concepto da capacidade de pensar por sí mesmo. Lipman desenvolveu unha teoría e práctica, inspirada no traballo de John Dewey, que se convirte en totalmente innovadora: creación dun pensamento racional e talleres creativos a través dunha discusión filosófica (para nenos ou adultos). O conxunto apóiase nas novelas filosóficas (“narrativa manual”) e libros (“guías didácticas”). A súa primeira novela filosófica, El descubrimiento de Harry Stottlemeyer, para nenos de 10 anos, describe as etapas para chegar á lóxica formal. (Extraído da Wikipedia)

O programa de Lipman está descrito por unha das súas colaboradoras, a arxentina Stella Accorinti, do Centro de Investigacións no Programa Internacional Filosofía para Nenos (CIFiN).

Na web de Antroposmoderno.com, a autora ten publicado un breve ensaio onde relaciona as figuras de Paulo Freire e de Lipman.

Engadimos dúas recensións en memoria de Lipman atopadas en sendos blogs:

Recordando a Matthew Lipman

Ha muerto Matthew  Lipman (Blog de Rafael Robles)

Javi Poves, o futbolista indignado

Que papel xoga o fútbol e por extensión o deporte de masas na sociedade actual? É realmente o equivalente actual ao circo romano?

No xornal Faro de Vigo publícase unha entrevista ao ex-xogador de fútbol do Sporting de Xixón Javi Poves (1986), que con 24 anos deixou o fútbol por motivos ideolóxicos.

“-Interesa tener a todo el mundo distraído. Es una salvajada. No ponen más porque la semana tiene siete días.”

Julia Bouza

Noticia recollida no blog Guillade

20110730221307-thumbnail.jpg

Foi un pracer ter asistido ó taller de Julia Bouza e escoitar a esta escritora natural de Guillade. Enlazo aquí o seu blog, http://juliabouza.blogspot.com/2005/02/cuando-el-mundo-era-un-tringulo_27.html onde temos a oportunidade de coñecer a esta muller posuídora dunha rica bagaxe que xenerosamente compartiu con nós a semana pasada no taller de contos organizado aquí en Guillade.

Un novo espazo de lecer

Noticia recollida no blog Guillade
20110804132035-foto0283.jpg

Un par de anos despois de que varios usuarios do campo de futbito de Guillade tentara sen éxito (a través da venda de bolígrafos e chisqueiros) obter fondos e apoio para adecentar e mellorar dita instalación deportiva, a Asociación “O Arrasta” acaba de levar a cabo unha importante obra no seu entorno, coa plantación de árbores e bambáns para os nenos.

Agora só queda esperar que as árbores medrén o antes posible para proporcionar unha boa sombra que se agradecerá co paso do tempo, así como que os vándalos respecten a instalación  e non obvien o que pón o letreiro alí colocado: “Non botar escombro” (nen lixo), algo por desgraza bastante habitual noutros puntos da nosa parroquia.

Ciclo de conferencias: “Guillade e a súa historia”

Noticia recollida no blog Guillade
20110804012656-foto0282.jpg

“Guillade e a súa Historia” é o nome que recibe o ciclo de conferencias que acaba de comezar no Local de Veciños da man da Asociación S. Gregorio. A xornada de inauguración contou coa presencia do investigador  Juan Martinez Tamuxe, quen falou ante unha numerosa audiencia da pegada da cultura cultura castrexa e a súa evolución en séculos posteriores en Guillade, centrando boa parte da súa charla nos restos arqueolóxicos de Sta. Leocadia.

O ciclo de conferencias continuará en vindeiras datas con novas temáticas e convidados  como  o profesor e autor de varios libros “Pancho” Candeira, quen abordará a época da II República; así mesmo tamén se atopa no programa de actividades tratar temas tan próximos a moitos de nós como a emigración a Lisboa.

A vocación astronáutica

Unha das caracteristicas mais entranhadas no ser arcano dos Galegos, son as abaladas durante o crú xelo invernal, cara as lonxanas e demoradas viaxens.

Atraves do espaço infinito sem tempo, pois parece ser, que á velocidade da lus, o tempo inexoravelmente se deten.

Non queremos aqui falar daqueles que van para roubar, porque é cousa de xentes pobres e ordinarias, senon dos que doan o que de mais valioso atesouran, sendo o dar o verdadeiramente gratificante, ó contrario do que muita alma pensa.

Percorrendo o abismo cósmico, até as Galaxias mais velhas e distantes dos confins do universo, das quais um ignora quase tudo, incluso se algunha ves retornará.

Intentando adivinhar o Macro-Cosmos, atraves das pequenas cousas que nos rodean, e dos  seus segredos mais ínfimos.

Ó final, por fim un dia largamente desexado, como se do Planeta dos Simios se tratara, e guiados pela amada estrela de Prisciliano

SEMPRE ACABAMOS VOLTANDO Á NOSSA TERRA.

Media maratón Messier (I)

Os días 24 e 25 de xullo, de 23:30 a 3:00 horas, Xose e Antonio celebramos a primeira media maratón Messier en Guillade. Atopamos 30 obxectos celestes dos 110 do catálogo Messier. Foi unha sesión moi produtiva, a pesares de que molesta bastante a luminosidade do alumbrado público. Aínda así as condicións de visibilidade foron aceptables, ao menos para localizar os obxectos, a temperatura foi agradable e a noite bastante limpa.

Instrumentos que utilizamos: Telescopio GSO 8″, dobson. Ocular hyperion zoom 8-24 mm. Prismáticos de 10 aumentos, lanterna con luz vermella, caderno e bolígrafo. Mapas celestes (Skymaps), Libro “Astronomía. Guía para el aficionado”, de Antonín Rükl, Ed. Susaeta; aplicación de software “Stellarium“.

Obxectos observados: en total 31 obxectos celestes do catálogo Messier e o planeta Saturno.

Saturno atópase en Virgo e sobre as 12 da noite xa desaparece do campo de visión. As condicións de visibilidade son pobres porque está baixo no horizonte.

Catálogo Messier:

En Osa Maior: M 51 Galaxia espiral (Moi difusa, difícil de percibir), M40, estrela dobre.

En Cans de caza: M3 Cúmulo globular

En Serpe: M5 Cúmulo globular

En Hércules: M13 e M92, cúmulos globulares

En Ofiuco: M10 e M12, cúmulos globulares

En Escorpión: M4, cúmulo globular, M6 e M7, cúmulos abertos.

En Escudo: M11, cúmulo aberto

En Saxitario: M22, M28, M55, M54, M70, M69, cúmulos globulares; M25, M23, M21, M18 cúmulos abertos; M17 nebulosa Omega, M16 nebulosa Águia, M20 nebulosa trífida; M8 Nebulosa Laguna. (O itinerario de busca en Saxitario foi o seguinte: comezar por M22, cerca está M28. Desde M22 subir a M25, seguir subindo a M18, M17 e M16. Regresamos a M25 e á súa dereita atopamos M23, baixamos ata encontrar a M21, M20 e M8. Xa abaixo da teteira están M54, M70 e M69; á esquerda de M54 está M55).

(Ver os obxectos de Saxitario pinchando no mapa da web do Catálogo Messier)

En Lira: M57, nebulosa planetaria

En Raposa: M27, nebulosa planetaria

En Cisne: M39, cúmulo aberto

En Pegaso: M15 cúmulo globular

En Acuario: M2, cúmulo globular.

Seguiremos outro día e intentaremos chegar aos 50 obxectos celestes!

Actualización 26 de xullo  Hoxe vimos 7 obxectos máis:

En Escorpión: M80, M62 Cúmulos globulares

En Ofiúco: M19, M9, M14 Cúmulos globulares

En Cans de Caza: M94, Galaxia espiral

En Escudo: M26 Cúmulo aberto

Actualización 31 de xullo Vimos 3 obxectos máis:

En Coma Berenice: M53 (cúmulo globular) e M64 (galaxia)

En Osa Maior: M101 Galaxia

Tamén vimos o planeta Neptuno, de magnitude 7,8, en Acuario.

Astronomía para todos/as

Diría que foi nas noites escuras e estreladas da infancia cando naceu a miña afección pola astronomía. Pero callou un día, cando andaba xa nos 20 anos, arredor dun libro perdido que quixo facerme compaña na convalecencia dunha enfermidade, e que tiña escondido nunha das súas páxinas un pequeno mapa con 3 ou 4 constelacións da zona circumpolar. Foi tal a emoción dese descubrimento que me sentín como o pirata da pata de pau que nunha illa deserta atopa nun cofre oculto o mapa dun gran tesouro e que a partir dese momento só soña con el. Pasou o tempo e foron miles os tesouros que se foron desvelando, e que pasaron a encher o cofre luminoso que hoxe gardo na miña querida memoria.

Este verán no clube gastro-astronómico de Guillade mercamos un telescopio para dar un novo saltiño nesta aventura cósmica. É un Telescopio Dobson GSO 203mm/1200mm (f6) DELUXE. E a primeira impresión foi espectacular. A lúa vista como nunca antes, nítida e luminosa cos seus cráteres e mares. Xúpiter cunha banda de cor e os seus 4 satélites, e moi cerca del o puntiño azul de Urano. Despois unha longa lista de cúmulos abertos e globulares, de nebulosas difusas e planetarias, estrelas dobres,… Vai agora un recordo para os cúmulos globulares M13 en Hércules, M2 en Acuario, M15 en Pegaso… os cúmulos abertos en Perseo, o M11 en Escudo… as nebulosas M8, M17 e M20 en Saxitario… as nebulosas planetarias M57 en Lira e M27 en Raposa… as estrelas dobres Albireo, Mizar, Almarak…

Algúns enlaces interesantes para introducirse ao apaixoante mundo da astronomía poden ser os seguintes:

Simulador de telescopios: Podemos ver a lúa a través dun telescopio no que podemos ir modificando o número de aumentos para vela máis grande.

Mapa da Lúa: Un bo mapa para comezar, coa localización dos accidentes xeográficos máis destacados (mares, cráteres, montañas, etc.)

Potencias de 10: Temos aquí unha presentación que nos permite visualizar como decrecen os tamaños do mundo físico, nunha viaxe que nos leva dende os confíns do universo, pasando polo tamaño humano, ata o interior dos átomos.

Mapas e efemérides celestes actualizadas: da web http://perso.wanadoo.es/jripero/efemerides.htm Describe pormenorizadamente os obxectos celestes que se poden observar mes a mes.

Mapas celestes actualizados: Na web de Skymaps podemos descargar mapas mensuais cunha descrición breve dos obxectos estelares máis interesantes para observar nese momento.

Catálogo Messier (na Wikipedia): Para profundizar na observación de obxectos celestes (nebulosas, cúmulos, galaxias…) é moi coñecido o Catálogo Messier, que conta con 110 obxectos celestes rexistrados.

Sinxela introdución ao mundo dos telescopios : En http://www.telescopio.3a2.com/ podemos informarnos dos diferentes tipos de telescopios, como funcionan, etc.

Foro de astronomía: En Asociación Hubble temos un foro moi visitado e onde podes atopar respostas a moitas das túas preguntas

Foro de astronomía da Asociación Rias Baixas, de Vigo: fan xuntanzas para observar o ceo pola zona de Vigo e tamén no alto de Fonte Fría, na Cañiza.

Fotos de astronomía: Da web observatorio.info

Máis imaxes nesta páxina: web elfirmamento.com

Stellarium: É unha boa aplicación para o ordenador onde podemos visualizar o ceo nocturno do día e hora que queiramos. Tamén con Google Sky podemos buscar calquera obxecto celeste e ver en que lugar do ceo se atopa.

Observatorios astronómicos na provincia de Pontevedra: Contamos ao menos con 2 observatorios astronómicos de construción recente, un en Cotobade e o outro en Forcarei.

Temos máis enlaces nesta páxina de Netvibes.

Os indignados contra o sistema

No diario El País temos a noticia da manifestación dos Indignados en Madrid o 24 de xullo. Esta vez, o lema da marcha  foi “Non é unha crise, é o sistema”,

Neste outro enlace do diario El País recóllense as noticias que fan referencia ao movemento 15M.

No último enlace podemos acceder ao blog de Asemblea Ponteareas para seguir as súas entradas e participar.

Hai que facer rodar as pedras (Günter Grass)

Presentamos o texto da conferencia dada en Hamburgo o pasado 2 de xullo nun acto coa asociación de periodistas alemana Netzwerk Recherche, por Günter Grass, o premio Nobel alemán, onde cuestiona o sistema, ataca a incapacidade dos parlamentarios fronte aos grandes intereses, critica a cobiza dos bancos e arremete contra a debilidade da prensa.

Grass retoma O mito de Sísifo de Albert Camus, para describir a situación social e política actual e propoñernos unha vía de actuación: “Supoño que esas ideas resultarán tamén axeitadas para determinar o seu traballo de periodistas. Só temos este mundo. E como a existencia da especie humana no planeta azul é de data recente e a súa duración depende do que fagamos ou deixemos sen facer, somos responsables do seu estado. Desfigurámolo en grande medida, sobreexplotámolo e deixaremos aos nosos descendentes unha carga hereditaria inevitable. De forma que hai que recoñecer e nombrar esas e outras verdades. Hai que facer rodar as pedras. A ese traballo forzado para toda a vida anímanos Albert Camus. Di: “A loita mesma cara os cumes basta para encher o corazón dun home. Hai que imaxinarse a Sísifo feliz”.

Pode verse completo o texto da conferencia  neste enlace do xornal El País.

Por que acontecen estas cousas en Noruega?

É moi fácil caer en análises demasiado simples da realidade social: resulta que pasaba un tolo por alí, chegado dun mundo extraterrestre, e púxose a pegar tiros sen máis. Pero sexamos algo máis serios, o suposto tolo criouse no seo dun grupo social definido, que algún tipo de responsabilidade debe ter en relación co acontecido. A literatura tamén pode axudarnos a entendelo.

O blog Papeles perdidos recomenda a lectura de Mankel para entender o que aconteceu na illa de Utoya (Noruega). Ver este artigo que leva por título: “¿Que hubiese dicho Wallander?”  (Wallander é un personaxe da obra de Mankel, o cansado inspector sueco, que se alimenta de comida basura e de tragarse os malos rollos do mundo, simboliza como ninguén a loita contra as pulsións escuras dunha sociedade só aparentemente perfecta)”.

Os estados nórdicos foron sempre un exemplo de sociedades extremadamente avanzadas: nos dereitos das mulleres ou na súa capacidade para acoller refuxidos, na súa aposta pola xustiza social, os seus sistemas de saúde…  Como escribiu o periodista Misha Glenny, “Noruega é o único país do mundo que utiliza  as súas inmensas reservas de petróleo para axudar aos desposuídos do mundo, o país máis admirable”. Sen embargo, as novelas negras que producen estes países reflicten unha profunda inquietude, un sentimento extremo de que algo vai mal. Os autores máis famosos, Henning Mankell  e o seu detective Kurt Wallander e o falecido Stieg Larsson e o seu estraño mundo de hackers, periodistas, asasinos, violadores e sádicos de todo tipo, reflicten nos seus libros ese malestar, ese mal que apareceu o venres no centro de Oslo e na illa Utoya”.

Anonymous: comunicado xullo2011

“TéndeSnos medo porque somos unha ameaza á xerarquía establecida”

O grupo replica nun documento ao informe da OTAN no que o sinala como un colectivo cada vez máis sofisticado que pode atacar a gobernos e corporacións.- Os internautas recordan na rede que o colectivo carece de “cúpula”.

Ver noticia ampliada no diario El País

O meu fillo/a non ten remedio

Este artigo propón introducir unha reflexión sobre a orixe do comportamento infantil, cunha pregunta de partida: os nenos e nenas xa nacen aprendidos no seu xeito de comportarse e pouco temos nós que facer como pais e nais, ou ben, pola contra, non fan máis que imitar o modelo que os seus pais e nais lle ofrecen? Deixamos de seguido algúns documentos que axuden a reflexionar, aínda que nós tamén tomamos partido.

Antes de máis nada merece a pena que nos paremos un minuto para ver un vídeo que invita a pensar, e que leva por título: A clave da educación dos nosos fillos

Poderíase comentar con carácter xeral que os nenos/as imitan os comportamentos dos seus pais e que en moi grande medida eles acaban sendo unha copia (imperfecta) de nós mesmos.

De seguido podemos ver outro vídeo na mesma liña, de 6 minutos de duración, dunha película italiana dos anos 60, titulada L’ educazione sentimentale, que resulta moi expresivo e simpático e que ademais tamén invita a reflexionar:

Hoxe na escola de pais e nais comentamos os modos de mellorar as condutas negativas dos nosos fillos e fillas. Para iso vimos que podiamos contar cos premios e os castigos. Como punto de partida recomendamos fixarnos o máis posible nos aspectos positivos e nas cousas boas dos nosos fillos/as e felicitalos diariamente por eses logros.

Ademais, debemos ter moito cuidado e ser conscientes de non poñer etiquetas aos nosos fillos e fillas (eres un desastre, eres tonto, eres vago…), e centrarnos só nas condutas e nos comportamentos. Lembrar que el ou ela son sempre persoas, pero que ás veces fan cousas mal, e esas cousas son as que teñen que mellorar.

Os nenos e nenas sempre buscan a nosa atención, (o noso cariño, o noso afecto… pero incluso os nosos berros ou malas palabras antes de sentirse sós) e utilizan todas as mañas posibles para conseguila. Se sendo bos e portándose ben non conseguen a nosa atención utilizarán os berros, os choros ou calquera outra forma de chantaxe emocional, e se nós os atendemos baixo esas circunstancias estaremos propiciando que utilicen esas malas condutas en toda hora e a todo momento. Podemos ver un exemplo simpático no seguinte vídeo localizado en Youtube:

As mellores estratexias que podemos utilizar para que aumenten as boas condutas son:

  • Reforzar as condutas positivas, especialmente con afecto e atención, pois esas son para todo ser humano as recompensas máis prezadas.
  • Modelar as condutas: nós temos que ser o exemplo e o modelo que o neno/a poida imitar.

E as estratexias para intentar eliminar malas condutas son:

  • Ignorar as condutas negativas, cando non sexan destrutivas, non facerlle caso para ver se así non se repiten, pois non obteñen o noso reforzo nin a nosa atención.
  • Tempo fóra dunha actividade, retiralo da actividade, e poñer ao neno/a por exemplo na “cadeira de pensar” (recoméndase con carácter xeral un minuto de tempo por cada ano do neno/a).
  • Para remodelar unha conduta podemos utilizar técnicas como a economía de fichas (con sistemas de puntos para premiar condutas que despois se cambian por premios) ou os contratos.

Na web de Guia infantil temos un vídeo explicativo das medidas que podemos levar a cabo diante do mal comportamento infantil. Con carácter xeral os castigos son un recurso que se debe utilizar o menos posible, e en ningún caso o castigo físico. (O vídeo dura 10 minutos).

De seguido recollemos unha selección de artigos da mesma web GuíaInfantil.com, relacionados con este tema:

. La terquedad infantil. Niño testarudo.

. Como aplicar límites a los niños.

. Cómo aplicar los castigos a los niños.

A modo de reflexión e para saber se nós como pais e nais estamos facendo as cousas ben, debemos facernos preguntas tal como:

  1. Lémbrome de loubar, valorar, reforzar as cousas que ao longo do día fan ben os meus fillos/as?
  2. Coñezo, pregunto, a cada fillo/a, que cousas prefire, que lle gusta, que lle fai ilusión?
  3. Fago promesas de recompensa “a longo prazo”?
  4. Doulle algunha vez a recompensa antes de cumprirse o acordado?
  5. Se pese a reprendelo por facer algo mal segue faćendoo, qué está a sacar de positivo?
  6. Deixo ben claro e avisado con tempo que é o que será reprendido ou castigado?
  7. Emprego expresións como: “non tes arranxo”, “xa estou de ti…”, “desaparece!”…?
  8. Cumpro os castigos que impoño ou pola contra déixome amolecer?
  9. Emprego o castigo a miúdo ou só como derradeiro recurso?
  10. Repito as ordes e berro cen veces ao día?

Para terminar cunha mensaxe de esperanza, outro vídeo de mooooito interese!, que recolle os consellos dun neno/a aos seus pais 🙂

Esta entrada foi recollida no blog http://dorua.blogaliza.org

A historia das cousas – Annie Leonard

“Temos un verdadeiro problema coas COUSAS que nos rodean. ¿De onde veñen as COUSAS que compramos? ¿A onde van parar cando as tiramos? ¿Cales son os custos ecolóxicos e sociais do crecemento económico que buscamos permanentemente? Annie Leonard, creadora do vídeo The Story of Stuff, visto por máis de doce millóns de persoas a nivel global, rastrexa a vida das COUSAS que usamos todos os días: de onde veñen as nosas camisetas de algodón, os nosos ordenadores ou teléfonos móbiles e as nosas latas de aluminio; cómo se producen, se distribúen, se consumen e a onde van cando as tiramos ao lixo”

Ver o vídeo no seguinte enlace: http://www.storyofstuff.com/international/

15M – Todos contan (vídeo)

Reportaxe documental sobre o 15M. Son 6 vídeos, cunha duración próxima a 1 hora (aquí tes enlazado o primeiro, pero ao rematar podes continuar vendo os seguintes). Diferentes ideoloxías, grupos, foros e personaxes narran como empezou, como crece, as dúbidas e o estado no que se atopa actualmente. Entre outros participan Enrique Dans, o Gran Wyoming, responsables de ATTAC, etc. É un punto de partida básico para estar informado sobre este movemento.