
Azcárate ponse a disposición de Viana e admite que o SERE se atopa na situación máis delicada vivida até ese intre. “Meu querido amigo: quero dicir a vostede en primeiro lugar a satisfacción que tiven ao saber que era o novo director do SERE e só teño que repetirlle o que deixei dito ao vir: que en todo canto a miña intervención poida ser útil para a acción do SERE preto dos nosos refuxiados pode contar con ela sen reserva de ningunha clase. Por conseguinte, non vacile vostede non só en terme ao corrente do que ocorra senón en indicarme as xestións que considere convintes e que eu poida realizar. Tocoulle a vostede inaugurar as súas funcións facendo fronte ás dificultades máis graves que atopou o SERE, pero polo que vostede me di, vexo que vai ocorrendo o que tiña necesariamente que ocorrer: que a limpeza no proceder do SERE aparecerá e quedará plenamente comprobada. Escríbame con frecuencia. Saúdao moi cordial e afectuosamente o seu bo amigo, Pablo de Azcárate”. Viana transmítelle a Azcárate unha sorprendente enerxía e optimismo. “Meu respectábel amigo: agradézolle moito que me faga coñecer a súa satisfacción polo meu nomeamento como director do SERE. Certamente, as dificultades son extraordinarias, aumentadas pola lentitude con que levan o exame da documentación. Están no seu período álxido; pero o motor marcha a toda velocidade e espero que todas serán vencidas. Encargueime da dirección, como vostede di moi ben, no momento máis difícil; pero como todo sacrificio, aínda o da miña vida, paréceme pequeno se é útil aos meus compatriotas, estou contento, moi contento. E se algúns, poucos, queren poñerme pedras no camiño, sufrirán o maior dos desenganos.” Remata 1939 e faino cunha nova expedición organizada por Viana: 547 refuxiados parten no vapor “Cuba” dende Burdeos con destino á República Dominicana.
ROBERTO MERA COVAS