
Un home que saía da súa casa para as Américas atopou no medio do camiño unha estatua dun santo e outra do demo. Sacou un real e púxoo na cestiña do santo, que xa tiña moitas moedas, e mirando para a do demo, que non tiña nin a primeira, sacou un patacón e díxolle: —Toma, desdichado, que de ti ninguén se acorda. Antes de se embarcar foise á fonda para comer algo e pediu unha ducia de ovos frixidos. E díxolle á taberneira que lle había de pagar á volta. Ó home non lle foron moi ben as cousas, pero algo gañou e, ó cabo de tres anos, voltou ó seu lugar. Ó chegar á casa da taberneira, díxolle que lle dera a conta do que lle debía, daquela ducia de ovos que lle quedara a deber. A taberneira púxose con moitas voltas: —Home, ti xa sabes que fai xa tres anos que mos debes. E aqueles ovos daban pitos naquel ano, e as polas xa poñian ovos, e eses ovos xa daban outros pitos… Así que me debes… tanto. Era tal a cantidade que o home, nos tres anos que botara fóra, non gañara nin para paga-la mitade dos ovos. E, así, díxolle que non llos pagaría. A taberneira denunciouno e entón o home foi buscar un avogado que o defendera. No camiño atopou-se cun home vestido de negro que lle dixo que volvese para a casa que el o defendería. Ó outro día estaban todos no xuízo e faltaba o avogado defensor do home. Despois de estar esperando máis dun cuarto de hora entrou o señor vestido de negro, cun sombreiro de copa tamén negro, igual ca o día anterior. O home de negro entrou e dixo: Perdóenme vostedes, pero é que son labrador e estiven cocendo unhas poucas ervellas que teño que prantar mañán, e fóiseme o tempo. Entón a taberneira, moi espelida ela, díxolle: —Señor, e ¿as ervellas cocidas nacen? E o home de negro preguntoulle: —E ¿os ovos frixidos dan pitos, señora? —Non. —Contestou ela. —Logo, ¿para que traen aquí a este home? O home saíu todo contento e preguntoulle ó home vestido de negro, cun sombreiro de copa tamén negro, quen era. Entón, aquel home, sorrindo, díxolle: —Eu son aquel “desdichado” a quen lle deches un ichavo cando ías para as Américas. E desapareceu deixando ó pobre home, moi pensativo e pesaroso, por non haber investído mais nesse démo de home!
QUINTÁNS SUÁREZ, M., 1993: ANTOLOXÍA DE CONTOS POPULARES DE GALICIA, ED. TAMBRE, OLEIROS (A CORUÑA). GALICIA DE CONTO – HÉRCULES DE EDICIONES.