
Ao exgobernador do Banco Exterior de España, Ramón López Barrantes, Viana coñéceo na tertulia que ambos os dous frecuentan nun café da praza de Saint-Lazare, na que participaban deputados, maxistrados e fiscais do Tribunal Supremo e altos cargos do Goberno republicano. Malia a súa condición de exgobernador dun banco do Estado, a súa situación económica no exilio é precaria, e Viana axúdao persoalmente aproveitando as súas relacións en Portugal. “Tivemos a sorte de callar unha operación de conservas de sardiñas portuguesas, de Leixóes, en Porto. Facilitouma o meu amigo e deputado a Cortes, Viana.” A finais de novembro, Alejandro Viana está de novo en Burdeos ocupándose do embarque de 771 refuxiados no vapor “La Salle” con destino a Santo Domingo. Nel abandona Francia outro dos seus amigos durante a Guerra Civil, José Echeverría Novoa. O barco sae o primeiro de decembro, e o día cinco Viana é designado oficialmente director xeral do SERE. A estrea do seu novo cargo non pode ser máis convulsa. Ese mesmo día a policía francesa, dirixida polo comisario Louit, intervén sen mandamento xudicial as oficinas do SERE na Rue Saint-Lazare baixo a acusación de estar controlado e dirixido polos comunistas. Os axentes deteñen dezasete traballadores e incáutanse de todos os arquivos. Os paquetes de papeis con correspondencia, expedientes, fichas, libros ou rexistros son lanzados dende as xanelas ao interior dun camión. As portas, arquivadores, armarios e caixas fortes son precintadas. A policía incáutase de pouco máis dun millón de francos porque o persoal logra camuflar cantidades moito maiores. Bloquéanse as contas da organización e de vinte e cinco persoas, incluído Osorio Tafall. As autoridades francesas descoñecen o seu relevo na Dirección Xeral por Viana, quen no rexistro se fai pasar por xefe da Sección de Emigración. Alegando indicios de delicto, os axentes rexistran o seu domicilio e os doutros membros do SERE. Entre os detidos na operación atópase Isabel Napal Mur. Viana, moi preocupado, pídelle axuda a Julio Jáuregui.
ROBERTO MERA COVAS