
O inicio da Guerra Mundial fai medrar a hostilidade francesa cara ao SERE, porque o Goberno galo mira con receo todo o que teña relación cunha Unión Soviética ligada á Alemaña nazi. O primeiro ministro francés, Daladier, dita medidas represivas contra o Partido Comunista e anuncia no Parlamento que a súa propaganda será desapiadadamente destruída. O réxime franquista describe o SERE como unha organizaçión comunista que recibe ordes e diñeiro da Unión Soviética. Prieto, enarborando a bandeira do anticomunismo, aproveita a ocasión para axitar a pantasma contra Negrín acusándoo de filocomunista. As desconfianzas aliméntanse doadamente: a única forza política do exilio que apoia sen fisuras internas o presidente do Goberno no seu pulso con Prieto é o Partido Comunista, xunto con sectores minoritarios do Partido Socialista, dos partidos republicanos e dos nacionalistas. De pouco valerá que o SERE declare publicamente que está con Francia e Inglaterra incondicionalmente para combater o réxime de Hitler. O Servicio de Evacuación sitúase no punto de mira das autoridades francesas e a súa persecución axiña comeza: os ministros Vicente Uribe e Méndez Aspe son confinados temporalmente; a documentación e as autorizacións de residencia en París de todos os empregados do SERE son revisadas, e algúns dos seus membros en Perpignan son detidos. As autoridades policiais de París son cada vez máis intransixentes e agresivas co persoal da organización. O mesmo acontece coa prensa. O xornal francés “Le Journal” tilda de intolerábel a actividade dos exiliados españois e alimenta e propaga a acusación contra o SERE: “Baixo o manto dunha filantropía bastante lexítima, esta sociedade é unha organización da “III Internacional”. O señor Pablo de Azcárate, antigo embaixador de España en Londres, é o seu presidente. De feito é unha cobertura, xa que o verdadeiro xefe é o camarada Mantecón, axente soviético de sobra coñecido. É difícil de comprender que nos momentos tan tráxicos que vivimos, terríbeis elementos estranxeiros veñan a través dunha acción dobremente nefasta, a manchar a leal e franca amizade que debe existir entre Francia e España.”
ROBERTO MERA COVAS