
O siñor cura de unha parroquia de lonxe, vía con desgosto como a cada día os seus fregueses deixaban de ire á misa, e non sabía que cousa facer nen como pardicar pra que volvesen comprir como bos cristiás; a cada ves era meirande a súa inquedanza; non facía senón escismar día tras día e unha hora despois da outra sen dar co remedio, até que en cabo um día seique deu con algunha maraña, pois ende chegando o domingo, anunciou dende o púlpito que para domingo seguinte, ía haber un miragre, pois ele tivera un aviso do alto facéndolle saber que ía baixar á terra o Espríto Santo, pra saber que veciños ían á misa e cales non, para llo tomar en conta na hora da súa morte. A tal ouvir, o parvo do sancristán que nada sabia, quedou meio pampo e caeu a cavilar; ao irense os fregueses e se atopar solo na sancristía co siñor cura, quixo saber e demandoulle: —E logo, siñor cura, ¿vostede como vai facer pra que baixe o Esprito Santo? O siñor cura, a rir, dille: —Non queiras ter coidado hom; xa o verás na súa hora. No entanto, ben será que vaias á feira e sen que te vexan os nosos veciños, mercas unha pomba ben branca, e tráesma agachada. Chegado o día do miragre a eirexa estaba chea; axuntara tanta familia que non collía unha ialma máis; romatada a misa, o siñor cura dixo o seu sermón como era de costume, e falou de como por desleixados os seus fregueses ían todos camiño de se condenar, engadindo logo ao iren en fato á misa como o fixeran, veríaos o Esprito Santo cando chegar, e daquela ele pediríalle o seu perdón allegando que se eran unha miaxiña deixados, emporiso non eran malos cristiás, e rematou pedindolle a Deus, Noso Siñor, que mandara baixar o Esprito Santo. Ao deixar de falar o siñor cura, ouvíronse moi fortes chus polo faiado da eirexa; os fregueses a tal ver gañaron o estarrecemento, pro, o Esprito Santo non baixou como todos agardaban; o siñor cura, teimoso, seguiu os seus pregos unha e outra ves, e cando xa máis que falar berraba enrabechado, dille dende o alto o sancristán con tan grande esconsolo: —¡Aaaai, siñor cura, e como vai baixar se o Esprito Santo comeuno o gato!
GALICIA DE CONTO – HÉRCULES DE EDICIONES (CARRÉ ALVARELLOS L. : CONTOS POPULARES DA GALIZA, MUSEU DE ETNOGRAFIA E HISTÓRIA, PORTO.)
