
“Meu querido amigo: a esposa e seis fillos do que foi gobernador civil de Málaga no momento da sublevación militar, José Antonio Fernández Vega, irmán do deputado a Cortes por Oviedo, Félix F. Vega, están desde hai bastantes meses no albergue vasco de Itxasoan, en Guèthary. Segundo lles comunicou o administrador deben abandonalo o día 15 do corrente mes, o que lles crea unha situación desesperada, pois o cabeza de familia non dispón de ingreso algún para alimentalos. Por un erro de información do presidente do Consello Nacional de Izquierda Republicana, non lle foi concedido o subsidio ao que como exgobernador ten dereito. Aclarado aquel, a ponencia ministerial concederallo na súa primeira reunión. Xa o tería feito sen as dificuldades que xurdiron para reunirse aquela. O meu rogo, amigo Jáuregui, consiste en solicitar de vostede o favor de prolongar por algún tempo, alomenos mentres a concesión do subsidio non é efectiva, a estancia de dona María Alonso e os seus seis fillos no mentado albergue”. Pero Jáuregui non pode máis que limitar-se a confirmar o peche do campo por esixencias da guerra. “Meu querido amigo: recibín a sua carta na que se interesa pola esposa e fillos de D. Jose Antonio Fernández. Inmediatamente fixen as xestións no departamento de Asistencia Social en favor da señora Alonso, pero comunicanme que o refuxio Itxasoan de Guèthary vai ser disolto porque a autoridade militar francesa se incautou do mesmo para necesidades de guerra, como está ocorrendo con outros refuxios, polo que supoño que dita señora seguirá a mesma sorte que todos os demais refuxiados”. Afortunadamente, a situación de Fernández Vega resólvese como Viana prevía: “Meu querido amigo: quedo a vostede moi recoñecido pola xestión feita a favor da familia do exgobernador de Málaga, D. José Antonio F. Vega. Como xa lle foi concedido o subsidio, inmediatamente que reciba a primeira mensualidade xa poderán os familiares deixar o referido albergue, o que espero sexa este mesmo mes”.
ROBERTO MERA COVAS