
Cando Noso Señor andaba polo mundo levaba sempre na súa compaña a dous dos seus apóstolos, o señor San Pedro e o señor San Xoán. Os apóstolos facían vida como tódolos homes e tiñan as súas mulleres. E foi do caso que a San Pedro gustáballe máis a muller de San Xoán cá que el tiña; e á muller do outro el tamén lle gustaba e fixeron un apaño. Xa levaban un tempo entendéndose e o pobre San Xoán non sabía nada. Un día San Pedro reparou que na fronte do compañeiro naceran dous corniños coma os dos carneiros e axiña que pasaban os días, máis lle medraban. San Pedro deu en pensar que ó mellor ó outro lle saían os cornos porque tiña pauto co demo e foille consultar o caso ó Noso Señor. —Mestre, ó Xoán sáenlle cornos. E o mestre asentiu: —Saen. Non houbo máis consulta. San Pedro calou, pero ós poucos días vendo que os cornos do outro cada vez eran máis grandes, foi falar outra vez co mestre: —E ó Xoán sáenlle cornos… —Poñerallos algún —respondeulle Noso Señor. —E poñerán —dixo San Pedro. E preguntoulle Xesuscristo: —Entón ti que é o que queres? —Pois eu quería que non se visen —pediulle San Pedro. E dende aquela non se ven os cornos dos casados, homes ou mulleres, cando as mulleres ou os homes teñen algún apaño.
CUBA, X. R.; REIGOSA, A.; E MIRANDA, X., 2001: “CONTOS COLORADOS”, EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, VIGO. (OS AUTORES TOMARON ESTE CONTO DE CARRÉ ALVARELLOS, L. S. A.: CONTOS POPULARES DA GALIZA, ED. MUSEU DE ETNOGRAFIA E HISTÓRIA, PORTO).