
Esta torta, moi habitual en toda Galicia, coñecese en moitas partes como torta de millo ou bola do lar, pero a sua elaboración poderá atoparse con calquera dos tres cereais que se cultivaban principalmente no país galego (millo, trigo ou centeo). A súa particularidade é que non leva lévedo. Aínda que se lle aplique a denominaçón de bica, bico ou biqueira, ademais doutros variados nomes, convén distinguila da “bica manteigada”, un doce de manteiga, popular das terras de Trives e Caldelas (Ourense). Esta torta preparábase en moitas ocasións cando se acabaran as provisións de pan (pois pódese facer fóra do forno, na lareira), pero non se quería adiantar o día xa estabelecido para cocer. Tamén antigamente, en moitas parroquias galegas os veciños tiñan que cocer o pan no forno do señor, pagando a cambio un canon; a elaboración doméstica da bica permitía alixeirar un pouco aquela carga. En caso de facerse no forno, e ademais o mesmo día que o pan, poñíase na parte máis exterior, xa que tiña que cocer menos tempo que aquel. De facerse na casa, non había melhor sitio que a lareira.

INGREDIENTES:
Fariña (polo xeral, de millo); Auga; Sal.
RECEITA:
O primeiro paso era amasar a fariña sen lévedo, dándolle unha forma redonda e tres dedos de grosor. Untando a superficie superior cun pouco leite, melloraba a textura final. Despois quentábase a pedra da lareira e varríase, facendo sitio no medio para colocar a masa. En Triacastela (Lugo) cubrían a continuación a masa con papel de envolver mollado; noutras partes recorríase a algún caldeiro vello de cinc ou a latas de sardiñas –das de antes, de tamaño considerable– axeitados para tal mester, ou ben ás socorridas e máis frecuentes follas de verza, aínda que non faltaba quen tiña un recipiente encargado a un ferreiro expresamente para tal finalidade –moi famosos por iso os de Niñodaguia (Ourense)–. En calquera caso, tratábase de protexer a masa do contacto directo coa cinza, xa que esta dispoñíase por encima para que a torta se fora facendo coa calor ó longo de, aproximadamente, unha hora. Debía consumirse rapidamente.
GALICIA PARA COMELA (VOLUME I) — HÉRCULES DE EDICIONES S. A.