
Envolvido nesa deprimente crise política do exilio, Viana recibe dende Galicia a nova da súa condena polo réxime de Franco. O día 2 de agosto o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas da Coruña dita sentenza e condénao como responsábel político á pena de oito anos e un día de desterro –a distancia non inferior a 250 quilómetros da cidade de Vigo–, inhabilitación absoluta durante quince anos e sanción de 200.000 pesetas. O patrimonio de Viana e Josefina Dotras fora valorado polos franquistas en 750.000 pesetas e fora incautado ao inicio da Guerra Civil. No proceso, a dona de Viana alega que a metade lle pertence como ben ganancial. Deste xeito a sanción redúcese a 200.000 pesetas e, co seu pago, Josefina Dotras recobra os bens embargados. Aínda que a condena imposta é o desterro, Viana non sopesa en ningún momento o seu regreso a Galicia: o réxime continúa coa feroz represión tras a fin da guerra, e as súas sentenzas non son ningunha garantía. Menos aínda cando a xestión de Viana no SERE acrecenta a súa responsabilidade política e non fora contemplada no proceso xudicial. Os problemas para o SERE agrávanse en agosto de 1939. Pablo de Azcárate presenta a súa dimisión que, a petición de Negrín, non se fai pública. Ao presidente do SERE ségueo Alejandro Viana, quen renuncia como xefe de Emigración. Faino por discrepancias co secretário xeral da organización, Ignacio Mantecón, pero séntese satisfeito do seu trabalho e do trato recibido de Azcárate, a quen dirixe emocionadas verbas. “Meu respectábel amigo: discrepancias fundamentais en canto ao concepto do que debe ser a administración pública obrigáronme a presentar a dimisión do meu cargo no SERE. Voume satisfeito de min mesmo, porque se ter mal carácter, como din, é non practicar, nin consentir, en materia administrativa as picardías da política española, síntome orgulloso de telo. E o meu desexo fervente é que non se modifique nunca. No SERE deixo un pedazo da miña vida; pero este sacrificio servíume para coñecer mellor a política e os seus homes. Son un home de grande emoción. E sendo vostede o único xefe de quen levo un grato recordo, faime falta valor para despedirme persoalmente de vostede. Fágoo, pois, por medio destas liñas. A súa bondade saberá desculparme esta falta e tantas outras que puidera cometer”.
ROBERTO MERA COVAS