
Vinte días despois, no porto de Veracruz, o secretario de Gobernación mexicano, Ignacio García Téllez, dálles a benvinda aos exiliados con sentidas verbas de apoio e solidariedade. “Non vos recibimos como náufragos da persecución ditatorial a quen misericordiosamente se bota unha táboa de salvación, senón coma defensores aguerridos da causa republicana e da soberanía territorial, que loitaron contra a maquinaria opresora ao servizo da conspiraçión totalitaria universal. O Goberno e o pobo de México recíbenvos coma expoñentes da causa imperecedoira das liberdades do home.” Tras a partida de pequenas expedicións, Viana organiza o frete doutro buque emblemático, o “Ipanema”, que dende Burdeos porá rumbo a México o día 12 de xuño con case un milleiro de exiliados, entre eles o seu amigo e químico galego Laureano Poza Juncal e o xornalista e escritor ponteareán afincado en Francia Manuel Domínguez Benavides. Daniel Viéitez e a súa familia tamén forman parte da expedición. “E un amigo, Viana, un deputado, un deputado galego, preocupouse moito do noso caso. O meu irmán estaba moribundo. As miñas irmás, pendentes del, unha nun refuxio; a miña muller, con dous nenos. Alejandro Viana foi unha gran persoa que se portou magnificamente e influíu para que nós embarcásemos.” Mentres Viana prepara unha nova expedición, a do “Mèxique”, o delegado da embaixada mexicana en París, Fernando Gamboa, escríbelle ao embaixador Narciso Bassols avaliando as expedicións do “Sinaía” e do “Ipanema”. Gamboa está preocupado polos criterios empregados no SERE para seleccionar os pasaxeiros. A embaixada quere coñecer os antecedentes e o perfil social e político dos exiliados que se dirixen a México porque en moitas ocasións son ocultados. Gamboa suxirelle ao embaixador que, en adiante, catro quintas partes dos expedicionarios sexan persoas saídas dos campos de concentración e que a maioría deles sexan labregos ou obreiros. No mes de xullo Alejandro Viana organiza a expedición máis numerosa con destino a México, a do barco “Mèxique”, que ofrece un novo porvir a máis de dous mil exiliados.

ROBERTO MERA COVAS