
Ele foi unha vez un fillo dun rei, que cando voltaba de unha cazata, ouviu falas de muller que non entendia; quixo saber que era, e viu unha moura a partir unha cruz con unha macheta; ao fillo do siñor el rei pareceulle que aquelo non estaba ben feito, e dirixiuse á moura a lle tira-la cruz das mas; profiaron un pouco, mas, gañou o home, e daquela a muller, sulfúrea, comenzou de bradar na súa lingua estrana, pra logo, ollando ao rapás, botarlle unha maldición: -¡Inda ti vaias parare a albre das tres torondas! Dende aquela, o fillo do siñor el rei, debecía por saber o que era a albre das tres torondas, e como tiña de facer pra dar con ela, e foi tanto o que medrou o seu anceio, que un día dispuxo de a ire buscar, e montando no seu cabalo, Pensamento, botouse polo mundo na súa precura. Moito andivo, moito, non deixou porta sen perguntar nela, e dimpois de tanto andar, chegou ao cabo á casa das estrelas; cando petou na porta, aparecéuselle unha velliña enrugada, máis vella que o tempo, e demandoulle: -¿E logo, ti que é o que queres, rapaz? -Siñora -dixo o fillo do siñor el rei-, eu saín da casa na precura da arbre das tres torondas, e non dou con ela, non atopo quen me de razón. -É que está moi lonxe, moi lonxe, mas, non sei onde ele é. Se quixeres agardar un pouquecho, logo virá a miña filla máis vella, que esa si sabe onde é. O rapaz agardou, e de chega-la filla, entrou na casa decindo que traguía moita fame e que alí recendía a carne molar de home novo. A nai díxolle que era certo, que chegara un rapaz que andaba na precura da arbre das tres torondas, e que se poidera queríao axudar de boa gana; a filla máis vella quería comer e ao cabo díxolle á nai: -Mándeo á casa do sol, que alí o meu irmán, ele ha saber -e a vella mandou ao fillo do siñor el rei, que fose perguntar na casa do sol, e alá foi. O fillo do rei emprencipiou o novo viaxe, e de chegar á casa do sol, mandárano que fosse á casa da lúa, que como muller era sabedora de máis cousas; e na casa da lúa, tivo que agardar á súa volta, porque chegou cando era noite, e a lúa andaba fóra. A lúa tampouco sabía onde estaba a albre das tres torondas, mas, díxolle: -Vaite da miña parte á casa do ar, que ele corre toda a terra e amais de saber desa arbre da que ti andas na precura, ele mesmo guiarache se eres home a andar como ele anda. Chegou por fin o fillo do siñor el rei á casa do ar, e de lle dicir que o mandara a lúa, recibiuno moi ben, prometéndolle de o servir, non embargantes díxolle: -Eu levar, lévote, mas, ¿ti sabes que para ires tes que marchar de par de min? Mira, que si non corres ben, deixareiche no camiño. O rapaz brincou no seu cabalo, e coa mesma díxolle ao ar: Veña xa; vostede ande ben, siñor, que eu heino seguir. E partiron os dous, e daquela o ar, vendo correr o cabalo Pensamento, dixo ele: -Non coidei que foses tan lixeiro; sei que aínda corres máis que min. -Como non hei ser siñor, se ao meu cabalo chámolle Pensamento, porque corre tanto como corren os pensamentos. Ao cabo, o fillo do siñor el rei chegou a un lindo xardín onde se atopaba a arbre das tres torondas, e daquela o ar, asinalandolle pra ele díxolle: -Eis, ahí tes a arbre das tres torondas. O fillo do siñor el rei, decontado que as viu, pillounas sen perda de tempo, e brincando outra vez no cabalo, botouno aos catro pés, do po do camiño e de tanto correr de acabalo, gañou moita sede, quixo matala, e non atopou fonte, nen pinga de auga; lembrouse das tres torondas que levaba no farde, e cavilou que ben podía abrir unha pra se refrescar a gorxa, e abriuna; de o facer, apresentóuselle unha fermosa doncela que sen perda de tempo demandoulle: -¿E logo, ti tes auga pra me lavar, pieites pra me peitear, e un espello pra me mirar? -Non, dixo o fillo do siñor el rei, pois o rapaz non tiña ningunha de estas cousas, e daquela a moza decíndolle: -Non sabes canto é o que perdiches -voltouse á toronda. Quedou moi sentido o home e seguiu o seu camiño; máis adiante, xa esligaba coa sede, abriu outra toronda, e outra vez aparecéuselle unha fermosa doncela, máis linda e xangal que a de enantes, decíndolle como a primeira: -E logo, ti tes auga pra me lavar, pieites pra me peitear e un espello pra me mirar? -Non, -voltou a lle dicir o fillo do siñor el rei, pois o rapaz non tiña tampouco ningunha de estas tres cousas, e daquela a moza, dicíndolle tamén: -Non sabes canto é o que perdiches- voltouse á toronda. Quedou tan sentido o home como quedara a primeira vez, e prometeuse non abri-la terceira toronda, por mais sede que tiver, até se facer coas tres cousas que as rapazas pedían, e precurou pieites e mais espello, e en chegando diante de unha fonteliña, abriu a terceira toronda, e a doncela era ben máis belida que as devanceiras, e cando lle pediu a auga pra se lavar, os pieites para se peitear, e o espello pra se mirar, o fillo do siñor el rei foille dando cada cousa, non desaparecendo a muller que quedou onda ele, e casaron. O fillo do siñor el rei, mandoullo a decir ao seu pai, e agardou que chamara por ele. No seu tempo, a doncela trouxo un fillo, o siñor el rei mandounos a chamar aos tres, e tanta era a présa que o rapaz tiña por levar onde os seus pais os siñores reises a linda muller que tiña, e mais o pequeno, que de contado poñéronse en camiño. Chegados a unha fonte, ao pé dun carbalho, xa na raia do reino do pai, o mozo ordeou de se adiantar ele na precura de unha carroza e roupas de festa pra facer unha boa entrada no pazo reial, e deixou a muller, encargándolle moito de se non deixar vere de home nen de calesquer outro humán. Cando a nai na beira da fonte tiña o neno no colo, presentóuselle a moura sen que a vise, escomenzou por aloumiñar no pequeno e moito foi o que o louvaba pra gaña-la vontade da nai, e dimpois de parolar un pouco díxolle a ela de lle facer un lindo peiteado para cando o seu home viñer; confiouse a rapaza, e foi daquela cando a principesa deixouse gustante que a outra a peiteára, cando a malvadosa moura, aproveitando o conxeito de lle andar no cabelo, espetoulle unha agulla enmeigada na cabeza e de súpeto trocouse nunha pomba que voou ao carballo, pillando a moura o neno, e poñéndose no canto da nai. Non tardou en voltar o fillo do siñor el rei, e de ver unha muller tan feia e requeimada, fireuno tanto, que se non puido calar, e díxolle: -E ti, muller, ¿como foi pra te virares tan feia? -E, como había sere, tanto tradache, tanto tradache, que acabou por me toma-lo sol. O fillo do siñor el rei entrou avergoñado na casa do pai, facendo por non seren vistos; ao siñor el rei, lle non gustou cousa a nora, e tomoulle moito a mal ao fillo, que o enganara levando a aquela muller para o pazo reial; non embargante, a nora do siñor el rei quedou na casa, e víase moi satisfeita. Ao mesmo tempo que o cortexo do fillo do siñor el rei pasaba polas portas do pazo, o xardiñeiro do siñor el rei viu chegar unha pomba que dende aquela, deu en revoar polas arbres da horta, e de gañar fieza chegábase a ele a lle dicir: -Xardiñeiro, xardiñeiro, ¿como é que lle vai ao fillo do siñor el rei coa súa moura? E respondíalle o xardiñeiro: -Moi ben, siñora. Logo, e sempre o mesmo, voltaba a lle pergunta-la pomba: -¿E o filliño que fai? -Unhas veces ri, e outras veces chora. E despois de falar o xardiñeiro facía a pomba cal se chorar: -E, a probiña da súa nai por eiquí tan soia. O fillo do siñor el rei, cando soubo da pomba, deu orde de a apillar sen lle facer mal; e cañárona ben, que a pomba era moi manseliña, e levárona pra casa do fillo do siñor el rei; a moura, de que a viu, quixo que a mataran; o neno, tomoulle moita lei, e un día, o fillo do siñor el rei, acariñándoa, deu coa agulla da cabeza, e turrando por ela arringoulla; desfeito o encanto, trocouse outra vez na muller do fillo do siñor el rei, e de se descobrir a malvadez da moura, o siñor el rei, dispuxo que a botaran nunha caldeira de aceite fervendo.

GALICIA DE CONTO (HÉRCULES DE EDICIONES) CARRÉ ALVARELLOS, L. (S. A.): “CONTOS POPULARES DA GALIZA” (MUSEU DE ETNOGRAFIA E HISTÓRIA, PORTO)