
Aos poucos días do seu nomeamento, Viana comeza a xestionar as primeiras viaxes colectivas. Algúns países do continente americano como Arxentina, Brasil, Cuba ou Canadá néganse a recibir refuxiados alegando dificultades nos seus mercados de traballo. Só dan unha resposta favorábel México, Uruguai, Chile e a República Dominicana, pero condicionada ao principio da selecçón previa. Así, México prioriza os vascos e galegos, os mozos, os solteiros, os labregos e os intelectuais, esixindo que todo refuxiado teña medios dabondo de subsistencia durante o período de instalación. Pola súa parte, Chile só acepta persoas, especialmente vascos e cataláns, para actividades pesqueiras e para mellorar a agricultura e a industria do país. Os chilenos pechan as portas a profesores, intelectuais e profesionais, sobre todo nos niveis superiores de cualificación, e aos membros de brigadas internacionais e colonias de nenos. Esas condicións dos países acolledores trastocan moitas veces os criterios de reparto entre partidos políticos. Sectores da política republicana (os libertarios e anarquistas, nomeadamente) sofren a súa exclusión nalgunhas espedicións polo veto de países como México ou Chile. Porén, o SERE é o albo das críticas dos excluídos. Para realizar a súa intensa actividade humanitaria, o Servicio de Evacuación conta co apoio económico de numerosas organizacións de axuda aos refuxiados creadas en diferentes lugares do mundo. Pero a súa principal fonte de financiamento son as importantes cantidades de diñeiro e valores sacados de España durante a guerra, grazas segundo Negrín, á previsión e dilixencia do seu Goberno, e en contía que non terían soñado aqueles que auguraban a fin da Guerra Civil por esgotamento dos recursos. Para xestionar ese patrimonio con seguridade os republicanos crean um complexo entramado financeiro con persoas e sociedades estranxeiras interpostas. Durante estes primeiros meses de exilio, o SERE e Viana manexan eses fondos coa mediación do Goberno mexicano e a permisividade do Goberno francés, interesado na emigración dos refuxiados: ademais da carga económica que lle supoñen, son considerados indesexábeis por razóns políticas nunha parte da sociedade francesa. O rexime franquista amósase preocupado e molesto coa actitude francesa. Cre que as autoridades galas protexen con complicidade os republicanos, incumprindo os acordos entre Francia e Franco, que contemplan a devolución dos fondos do Estado e bens como xoias, títulos ou accións sacados de España polo Goberno republicano dende o 18 de xullo de 1936. Por iso, as presións sobre Francia para impedir a actividade humanitaria e recuperar eses recursos económicos son intensas e constantes.
ROBERTO MERA COVAS