
O SERE ten a súa sede central na Rue Saint Lazare n.º 94 e outra oficina na Rue Tronchet n.º 11. O organismo republicano tenta atender ás incalculábeis necesidades dos refuxiados: facilita produtos básicos como alimentos e roupa; estabelece un servizo de atención sanitaria nos campos de concentración e fóra deles; entrega subsidios directos; paga o acollemento de refuxiados no fogar de famílias francesas; habilita refuxios e albergues, organiza colonias infantís; crea centros de atención e internamento para mutilados da guerra e persoas con discapacidade, e organiza expedicións a países de acollida para dar un novo futuro aos exiliados. A súa actividade iníciase coa elaboración dun censo dos refuxiados confinados nos campos de concentración para valorar a súa situación persoal e familiar. Viana e Candeira forman parte da comisión que confecciona o censo. É o paso previo para determinar quen ten a consideración de emigrábel nas expedicións con destino a outros países. A prioridade é dar saída a quen pola súa traxectoria ou compromiso político non pode regresar a España. Cos recursos existentes é imposíbel atender todas as solicitudes de evacuación, e por iso asígnanse porcentaxes a cada forza política e sindical en función da súa representatividade. Sacar de Francia os refuxiados políticos esixe unha intensa actividade diplomática e de negociación con diferentes gobernos; obriga a estabelecer criterios de selección, en moitos casos impostos polo país de acollida en contradición cos do SERE; leva consigo o compromiso do Goberno republicano de atender economicamente os exiliados mentres non logren a súa inserción laboral e, en ocasións, inclúe a obriga de realizar investimentos no país de destino para facilitar esa integración. Evacuar exiliados non é doado. Ademais dos receos vencellados co mercado de traballo, en moitos países e gobernos os refuxiados son percibidos como problemáticos, conflitivos e perigosos. Viana é consciente desa dificultade a pesar do valor que a man de obra española podía ter para os estados de acollida. Sei ben o difícil que resulta levar ao ánimo dos gobernantes dalgúns países o convencemento de que a inmigración de republicanos españois, ansiosos todos eles de manumitirse desta vida azarosa e pouco grata, lles sería altamente beneficioso.
ROBERTO MERA COVAS