
Na creación do “SERE” conflúen vontades e decisións de tres gobernos: o republicano español, que achega os fondos; o mexicano, que outorga o amparo legal e político, e o francés, que consinte a súa acción alixeirando así a carga económica que os refuxiados supoñen para Francia. Durante a guerra, o Goberno mexicano do xeneral Lázaro Cárdenas apoiara decididamente o Goberno republicano e xa amosara a súa disposición para recibir refuxiados. Seguindo a súa longa tradiçión de país de asilo político e refuxio humanitario, México, a través do seu embaixador en París, Narciso Bassols, recoñece a legalidade republicana no exilio, ampara e tutela o funcionamento do “SERE” e o seu persoal, manexa os seus fondos de común acordo co Goberno da II República e acepta acoller miles de refuxiados no seu territorio. Negrín coloca á fronte do “SERE” a Pablo de Azcárate, embaixador da España republicana en Inglaterra. É a figura institucional que o organismo precisa como presidente: ten boas relaçóns na administración francesa e carece de afiliaçión política. Para o labor de dirección e xestión, Negrín volve confiar en Osorio Tafall. O presidente do Goberno eloxia a súa figura, a súa capacidade organizadora e as súas cualidades como home de acción. O ministro de Facenda, Méndez Aspe, asume tamén o peso do servizo, pois é quen controla directamente as finanzas do exilio. Baixo o mando de Osorio Taffal créase a figura dun secretario xeral e cinco xefes de sección: o de Censo, estatística e información xeral; o de Campos de concentración, o de Organización de refuxios, o de Subsidios e o de Emigración. O cadro de persoal está formado por empregados administrativos e inspectores, que se encargan das visitas aos campos de concentración e do contacto directo cos refuxiados. A organización do “SERE” complétase cunha estrutura territorial de delegacións nas cidades francesas e do norte de África nas que están situados os campos de refuxiados e os portos dende os que partirán as expedicións para trasladar os exiliados a outros países: Burdeos, Limoges, Marsella, Perpignan, Orán e Toulouse. Tamén se estabelece unha delegación na República Dominicana e se constitúe, como filial do “SERE” en México, o Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos Españoles (CTARE). Para a dirección política do “SERE” créase o Consello Executivo, con representación dos diferentes partidos e no que participará Viana como representante dun sector de Izquierda Republicana. A nova responsabilidade de Osorio Tafall é determinante no reagrupamento de Alejandro Viana e os galegos que compartiran as vicisitudes da guerra en Valencia e Barcelona á sombra do Comisariado Xeral de todos os exércitos e da Subsecretaría de Armamento que dirixían Tafall e Alejandro Otero.
ROBERTO MERA COVAS