A FILHA PRÓDIGA E O CIRCO DA DIREITA (II)

E se daquela, en 1998, botaron ao lixo e desprezaron a un alcalde que xa non lles valía electoralmente, agora repiten o “modus operandi” humillando aos que enarbolaron durante anos a bandeira dun “PP” supostamente liberado da sombra e da herdanza de José Castro e do resto de satélites que orbitaban ao seu redor, dende a nova lideresa popular até o seu lugartenente dende 1995, o incombustíbel Juan Carlos González. Dende 1998 o “PP” botou vintecinco anos querendo fazer crer a Ponteareas que existían dúas dereitas encarnadas en dúas candidaturas: a súa, segundo eles, civilizada e cultivada, e a da “UCPA” (agora “ACIP”), supostamente incivilizada e inculta. Entre o 2000 e 2003 Nava Castro e Juan Carlos González foron, respectivamente, alcaldesa e tenente de alcaldesa da “UCPA”. Ambos os dous encabezaron xuntos a lista desta forza política nas eleccións de 2003 e voltaron facelo en 2007. Nese ano, para impedir que eu, como candidato mais votado nas urnas, fora Alcalde de Ponteareas, Nava Castro e Juan Carlos González, en nome da “UCPA”, chegaron a un pacto salomónico co “PP” de Salvador González Solla repartindo a alcaldía, coma se dun botín de pguerra se tratara, en quendas de dous anos. A primeira correspondeulle ao “PP”. Pero un ano despois, o Partido Popular de Feijoo convenceu sen gran esforzo a Nava Castro de que non pagaba a pena reclamar a súa quenda nin ser alcaldesa de Ponteareas. A filla pródiga do “PP” aceptou de bo grao unha acta de deputada en Madrid e, pouco despois, un carguiño na xunta, seica unha Dirección Xeral, e a cambio dese xeneroso favor persoal disolveu a “UCPA” e volveu ao seu fogar: o Partido Popular. A Juan Carlos non lle deron nada, así que non lle quedou outra que montar un novo tinglado que chamou “ACIP”. Hoxe, Nava Castro e Juan Carlos González, a unha e a carne daquela dereita vituperada polo “PP” por castrista, encabezan as dúas candidaturas da dereita nas vindeiras eleccións municipais. E o electorado conservador de Ponteareas pregúntase atónito: pero que circo é este? Porque efectivamente, a veciñanza conservadora de Ponteareas é a primeira e principal vítima dos manexos, por arriba, dos dirixentes da dereita galega e ponteareán; uns manexos que son unha falta de respecto a eses votantes que se merecen un partido serio e un líder ou lideresa solvente. Non vale dicir que ninguèn quería poñerse á fronte, que outros declinaron ofertas e convites e que houbo que obrigar a alguén que nunca morderá a man que lle dá de comer, como xá acontecera en 1998, cando Fraga forzou a González Solla a devolverlle o favor debido e a confrontar con Castro.

ROBERTO MERA COVAS

Deixar un comentario