A FILHA PRÓDIGA E O CIRCO DA DIREITA

Aínda que o pareza, non é un “déjà vu”, non. É real como a vida mesma. A dereita em Ponteareas regresa ao seu pasado, non sabemos se por convicción nostálxica ou, como parece máis evidente, por non atopar nada mellor que ofrecer. Se cadra, en realidade non hai tal regreso a un pasado que esa dereita nunca abandonou, por máis que durante os últimos anos algúns quixeran convencer a Ponteareas, pleno tras pleno e eleccións tras eleccións, de que aquel negro pasado nada tiña que ver con eles nin cun Partido Popular que, reescribindo a nosa historia política, tería nacido en 1998 coa chegada a Ponteareas dun Salvador chamado para redimir, como novo candidato popular, os imperdonabeis pecados orixinais da dereita ponteareán encarnada até ese momento por un alcaide orgulloso do seu pasado franquista. Despois daquel desplante de Manuel Fraga e Xosé Cuiña a Pepe Castro en 1998, en forma de humillante expulsión do partido, hoxe, vintecinco anos despois, o Partido Popular, como se nada tivera acontecido, volve á “casilla” de saída nesta sorte de xogo de mesa no que Ponteareas é simplemente o seu taboleiro. Vintecinco anos dunha partida na que os seus xogadores -chámense Pepe, Nava, Juan Carlos, Salvador, Belén ou Mingos- cambiaron según conviñese de equipo -chámese PP, UCAP ou ACIP- e protagonizaron traizóns, reconciliacións, enganos, filías e fóbias, pactos para gobernar e rupturas para desgobernar, prebendas para asegurar alcaldías a cambio de actas de deputada e Direccións Xerais e denuncias falsas para frear mocións de censura. En definitiva, un verdadeiro Xogo de Tronos á ponteareán que durante case vinte anos fixo languidecer o noso Concello nun longo e escuro inverno de parálise e estancamento. Ponteareas era o que menos lles importaba, agás para vivir ben á conta dela.

ROBERTO MERA COVAS

Deixar un comentario