
Alejandro Viana e Luciano Vidán logran ao fin entrar en Francia e dirixirse cara a Burdeos onde Celina San Martín se une a eles. Nos seus primeiros días de exilio alóxanse no Hotel des Pyrinnées de Burdeos. Tamén atravesa a fronteira a maior parte do seu grupo de amizades: Osorio Tafall, Pastor Candeira, Isabel Napal, Alejandro Otero, Mercedes Orgaz, José Antonio Fernández Vega, Pedro Díaz, José Echeverría e José Pardo Gayoso. Peor sorte corre Juan Romero Montesinos, o home de Isabel Napal, que é detido, xulgado e condenado en Valencia a cadea perpetua. A súa dona é internada durante varios meses nun refuxio en Bougeat (Correze), mentres Mercedes Orgaz vive acollida por unha familia na vila francesa de Romilly-sur-Seine. Pola súa banda, Gerardo, o sobriño de Alejandro, continúa combatendo no exército republicano até a fin da guerra. Ao seu remate conseguirá fuxir a Portugal, dende onde se dirixirá a México en decembro de 1939. Nesa mesma data unirase a el a súa irmá Herminia procedente de Vigo. Dende Burdeos, e no medio da traxedia, Alejandro non esquece as familias dos seus amigos e envíalle unha carta ao nacionalista vasco Manuel de Irujo, que se atopa en París. O dirixente do Partido Nacionalista Vasco é o responsábel dos intercambios de prisioneiros a través dunha comisión de árbitros ingleses. Viana interésase polo fillo de Telmo Bernárdez Santomé, un vello amigo e correlixionario asasinado en Galicia.
ROBERTO MERA COVAS