
Unha vez era unha meiga que quería casar o fillo coa filla do rei, e como non podía, botoulle un meigallo á nena e esta parou de falar. O rei mandou vir os médicos. Mais por moito que lle dicían ela só contestaba: – Todo puede ser. Entón o rei botou un bando no que prometía casar a filla co primeiro que lle devolvese a fala. E viñeron cabaleiros e ofrecéronlle á nena xoias e antollos. Mais ela seguía a teimar: -Todo puede ser, todo puede ser. Conque un día chegou un cabaleiro de lonxe, e antes de falar coa princesa quixo ir á misa. Polo camiño topou co fillo da meiga, que estaba a cocer garavanzos nunha ola, e preguntoulle quen era. O rapaz dixolle: -Eu son o que pilla os que van e agarda polos que veñen. E quería dicir que pillaba os garavanzos cocidos e deixaba ir os que estaban duros. Entón o cabaleiro preguntoulle onde estaba a mai, e el contestou: -Vai devolver a cea de onte. E quería dicir que lle fora levar a unha veciña o pan que lle pedira para cear. Entón o cabaleiro preguntoulle pola irmá, e o rapaz apuntou: -Está a chocar as risas do ano pasado. E era certo, porque a irmá estaba parindo. E dixo o cabaleiro: -Pues yo soy el que viene a quitarle el meigallo a la princesa, pero no sé si llegaré a tiempo para la misa. O rapaz explicoulle: -Se vai amodo, ha chegar, e se vai a correr, non. O cabaleiro non lle fixo caso e marchou a galope para a igrexa. De camiño rompeulle unha fibela da montura e chegou tarde. Entón comprendeu que o rapaz era bruxo e volveu cabo del, e propúxolle: -Si me ayudas a desencantar a la hija del rey, te daré una moneda de oro. O rapaz aceptou, e marcharon para a casa do rei. Ao chegar, o cabaleiro púxose a falar coa princesa, prometéndolle un palacio marabilloso. Mais ela dicía: -Todo puede ser, todo puede ser. E terciou o rapaz: -También puede ser puta tu madre, y tu padre no lo saber. Entón a princesa berrou: -¡Ai, gran pícaro! ¿Como va a ser puta la reina? E o rei, vendo que a filla volvía a falar, casouna co fillo da meiga. E o cabaleiro amolouse.
HÉRCULES DE EDICIONES (PISÓN, X.; LOURENZO, M.; E FERREIRA, I., 1998: CONTOS DO VALADOURO, ED. A NOSA TERRA (VIGO).