AGRARISMO E OBREIRISMO NO CONDADO (5)

En Salvaterra, Alianza republicana e agrarios copaban o distrito conseguindo os 18 concellais. En Mondariz, a mesma alianza copaba asimesmo os 16 postos de concellal. E así en Salceda, Porriño, Vigo… A euforia quedaba desbordada en Ponteareas; a París e Madrid dirixíronse telegramas: “Bajo dirección insigne lider republicano Amado Garra conquistamos 17 puntos de 20 que componen Ayuntamiento feudo Bugallal. Caciquismo hundido definitivamente, pueblo liberado por República”. Todo isto sen xenreiras, venganzas ou tolerias: “Muchos vítores, muchos aplausos, sendos abrazos de efusión y cordialidad, pero ni un solo incidente, ni una sola nota disonante. El pueblo, e en particular ese ejército de juventud socialista que está afiliada a la organización obrera, dió la nota de cordura como si en todos estuviera gravado el lema directivo de: calma, cordura. Nada de borracheras de triunfo, nada de manifestaciones hostiles a nadie. Los elementos triunfantes han sido respectuosos con los muertos, en este caso com los caciques”. En España, os resultados electorais daban paso á Segunda República e en Ponteareas proclamábase solemnemente o día 15. Pero xa antes que en Madrid, a primeiras horas da mañá do 14, izábase na casa do concello pontearean a bandeira da República. O día 15 os concellais electos percorrían as rúas da vila precedidos da banda de música e levando como enseña a bandeira da Primeira República de 1873 que o antiguo republicano D. Severo Benavides gardara á caida da República e transmitira á sua viuva como símbolo sagrado. A procesión rematou na casa do concello, onde se procedeu ó acto de transmisión de poderes, discursos emocionados, comunicados, telegramas, homenaxes… A República foi tamén proclamada nas parroquias, e na tarde do 15, en Salvaterra onde se transladara gran cantidade de xente de Ponteareas. O novo alcalde D. Manuel Mariño Méndez leu o primeiro bando (común ó de Ponteareas) saudando e chamando á orde e respeto para todos. Un dos telegramas que dende alí se mandou, remataba: “… el entusiasmo es enorme. Comité de Puenteareas, vecindario y bandas de música de Cristiñade, Gulanes, Areas, Ginzo, Ribadetea, Puenteareas, Moreiras y de este distrito, están en estes momentos aclamando la República española en este famoso castillo”. Deste xeito foi proclamada na nosa bisbarra a Segunda República. Ainda que o camiño a seguer non fose doado, tiñase recuperado a dignidade.

PUBLICADO EM “A PENEIRA” (ANO I – 1984)

Deixar un comentario