Arquivos diarios: 11/09/2022

ROBERTO MERA COVAS (HOMENAXEM A ALEJANDRO VIANA) (8)

O tres de febreiro Viana aínda se atopa en Figueres con Luciano Vidán e Mercedes Orgaz. Baixo un sol radiante, os tres diríxense cara a Francia no coche de Vidán. A estrada é un regueiro de miles de persoas cargadas con enseres e maletas que van quedando polo camiño. O pánico xorde de maneira intermitente cando os avións franquistas descenden dende o ceo bombardeando e varrendo coas súas metralladoras a estrada. Nun dos ataques abandonan o vehículo para refuxiarse baixo un piñeiral. O incidente causa a morte dun coñecido, e ao regresar á estrada descobren con resignación que o coche desapareceu. Os tres regresan a Figueres camiñando. Nos días seguintes Mercedes Orgaz, Pastor Candeira e Isabel Napal son evacuados a Francia dende a Subsecretaría de Armamento a través de La Bisbal, en Girona. Alejandro encárgase de asegurarlle a Mercedes o necesario para a viaxe. “Eu levaba víveres porque o noso querido amigo Viana nos provera moi ben; ía e viña varias veces a Francia e traíanos pan torrado, leite condensado e latas de conserva. A min encheume a maleta desas cousas que case non me cabían.” O Goberno, desbordado polos acontecementos, emprende tamén a súa fuxida. O seis de febreiro Azaña e Negrín, cun pequeno séquito de familiares, servizo de seguridade e algunha outra personalidade, cruzan os cumios dos Pirineos e entran en Francia. Na comitiva tamén se atopa o presidente das Cortes, Martínez Barrio. “Ía un frío glacial, non maior, porén, que o que levabamos nas almas. Temporalmente todo rematara e a República e a Liberdade nacional, agonizantes a véspera, estaban mortas. A última homenaxe ás potestades caídas foi o tributo dos carabineiros destacados no posto fronteirizo, quen, ríxidos, presentaron armas ao paso do presidente Azaña. A luz desvaída do mencer descubriu, sinuoso, o camiño do desterro.”

ROBERTO MERA COVAS