
O novo ano iníciase con escuras perspectivas: a ofensiva do exército de Franco sobre Catalunya é xa definitiva, as defensas republicanas derrúbanse e, a partir do 28 de xaneiro de 1939, miles de refuxiados e soldados do exército republicano atravesan os pasos fronteirizos con Francia. Ás dez da noite do 1 de febreiro celébrase unha sesión das Cortes. O escenario escollido son os sotos do Castelo de Figueres, en Girona, moi preto da fronteira con Francia. Tan só sesenta e dous deputados, dos catrocentos setenta e cinco que compoñian as Cortes, asisten a unha sesión convocada en segredo. Viana é un deles, e con Suárez Picallo, Osorio Tafall, Alfonso Pazos e Pedro Longueira conforman a única representación galega na derradeira sesión das Cortes en territorio español. O acto presídeo Diego Martínez Barrio. “Antes da medianoite abriuse a sesión. Ocupaba o banco azul a maioría do Goberno, co señor Negrín na cabeceira, e os escanos uns 55 deputados. Cando axitei a campaiña fíxose o silencio, unha sensación de grandeza e eternidade encheu o salón onde nos reuniamos. Quen máis, quen menos, sabía que o seu nome, incorporado á historia, sería futuramente lección e exemplo.” Negrín intervén para advertir que non está disposto a aceptar a derrota, recoñece a alarma que no Goberno francés comeza a provocar o éxodo masivo de refuxiados, e admite as dificultades para adquirir armamento, pero defende o mantemento da contenda en coherencia coa súa estratexia de resistencia á espera do estourido da guerra europea. Os deputados presentes, en votación nominal, outórganlle un voto de confianza ao Goberno de Negrín e aproban por unanimidade unha declaración institucional. Quince minutos antes da unha da madrugada péchase a sesión, pero as esperanzas dos republicanos véñense abaixo en cuestión de horas no medio dun absoluto caos: centos de miles de refuxiados, xunto a boa parte das tropas, foxen espavorecidos cara a Francia; o colapso nos postos fronteirizos é absoluto, e as residencias de Juan Negrín e de Lluís Companys son bombardeadas por avións franquistas. Os dirixentes republicanos salvan as súas vidas refuxiándose nun bosque próximo.
ROBERTO MERA COVAS

.