
Esta vianda era, ata non hai moito tempo, un recurso moi socorrido cando, xa ben entrado o inverno, nas casas quedaba pouca fariña (ou se acababan as patacas) e coas chuvias e grandes cheas invernais os muíños deixaban de moer. A falta de pan ou de patacas (ou de ambas as dúas cousas, o que non era raro), en moitos fogares amasábanse os bolos do pote.
INGREDIENTES: Fariña de millo e de centeo; Auga, sal, cebola, touciño.
RECEITA: A masa facíase cunha pouca fariña de millo e algunha fariña de centeo, mesturadas com algo de auga que axudase a ligalas. Nesa masa poñíanse pequenos anacos de touciño desalgado previamente e cebola picada, e íase facendo un bolo do tamaño dunha pataca grande. Había que ter en conta o punto de sal do touciño para engadir máis sal ou non. Os bolos pasábanse un pouco por unha tixola untada previamente cun anaco de touxiño e despois, cando fervía o caldo no lume, rescaldábanse primeiro e deixábanse cocer despois co caldo, polo menos ata que aboiasen, momento no que xa se podían comer.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fairiña munda
xa tiña para cear,
fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
ROSALÍA DE CASTRO (FOLLAS NOVAS)

GALICIA PARA SOÑAR (HÉRCULES DE EDICIONES S. A.)