
O mosteiro de San Cugat del Vallés é o seguinte escenario da sesión das Cortes e, un día despois, esta celébra-se na Caja de Ahorros de Sabadell. Viana asina, xunto a varias ducias de deputados, a súa derradeira iniciativa parlamentaria para que o Congreso lle conceda unha pensión á familia dun deputado falecido. No debate político ponse de manifesto unha crecente oposición a Negrín e á súa política de resistencia. Tan só o Partido Socialista, o Partido Comunista e unha parte de Izquierda Republicana, na que se inclúe Viana, manteñen o seu apoio incondicional ao presidente. Iníciase así unha etapa de división no seo de Izquierda Republicana entre os detractores e os partidarios de Negrín. Alejandro Viana sitúase no grupo que mantén o seu compromiso co presidente. Na súa actividade como deputado, Viana incorpórase á Unión Interparlamentaria e con Tafall e Castelao visita en Barcelona o presidente da Generalitat. Lluís Companys. Ademais, continúa exercendo a súa responsabilidade no Banco de Crédito Industrial e participa activamente na vida da comunidade galega na capital catalá: preside a asemblea de Solidariedade Galega Antifeixista e a asemblea de afiliados de Izquierda Republicana de Pontevedra, na que se reconstitúe a organización provincial e se lles rende unha emocionada lembranza a todos os correlixionarios asasinados ou falecidos na fronte de batalla. Antes de finalizar 1938 as autoridades franquistas dan un novo paso na persecución de Alejandro Viana: á causa xudicial aberta por un delito de masonería súmase agora outra por responsabilidades políticas.

ROBERTO MERA COVAS