
En Madrid, dirixentes políticos e militares galegos crean as Milicias Galegas, Viana comparte comité directivo cos tamén deputados Suárez Picallo, Castelao e Martínez Risco, e cos xenerais Bedía e Juan José Pla. As Milicias Galegas están formadas por uns mil voluntarios galegos, a gran maioría segadores de orixe campesiña e sen filiaçón política, que traballan nos campos de Castela. Recrutados nunha oficina situada sobre o Bar Chicote da Gran Vía, e integrados xa no Exército Popular, saen a mediados de setembro dende o seu cuartel xeral, nun antigo seminario madrileño, cara á fronte de Seseña e Toledo. (…) En novembro, a presenza das tropas sublevadas ás portas de Madrid e o asedio da cidade fan temer a súa inminente caída, o que precipita a saída cara a Valencia do Goberno republicano e das Cortes. Unhas 250.000 persoas abandonan a capital española xunto a 10.000 cadros do Museo do Prado e medio millón de libros da Biblioteca Nacional. O ouro do Banco de España xa fora trasladado antes por Negrín e o seu director xeral do Tesouro, Méndez Aspe, a Cartagena e de alí á Unión Soviética. Ao tempo que o Goberno sae de Madrid, entran as Brigadas Internacionais, quen, coa súa decisiva intervención na resistencia da cidade, impidem unha caída que semellaba inevitábel. En Valencia, Alejandro Viana alóxase no Hotel Inglés. Alí tamén se hospedan máis deputados, o Goberno republicano e militares. O edificio atópase nunha zona perigosa. Unha igrexa, situada nos arredores, e reconvertida en depósito de municións, é obxectivo das bombas da aviación franquista que, en ocasións, caen preto do hotel. Aos bombardeos aéreos súmanse os da Armada, cuxos obuses se senten pasar de noite sobre o edificio. O son das sirenas anunciando a inminencia dun ataque dá paso á fuxida espavorecida dos hóspedes cara ao refuxio situado nunha pequena praza próxima. A pesar da guerra, na capital levantina a vida segue o seu curso. O punto de encontro dos galegos é o Café Vodka. Alí nace Solidariedade Galega Antifascista, impulsada por socialistas republicanos e galeguistas e liderada por Castelao e o mestre de Mondariz Luís Soto. A súa finalidade é atender e acoller os galegos que logran evadirse dos territorios ocupados polos golpistas e que chegan á zona baixo control republicano. Viana é nomeado membro do seu Secretariado, que comparte cos seus amigos Luciano Vidán e Laureano Poza Juncal, varios deputados e os alcaldes das vilas de Muros, Noia e A Pobra do Caramiñal.

ROBERTO MERA COVAS