AOS ONCE ANOS DO INCÊNDIO DO GRAN-HOTEL DO BALNEÁRIO

Os veciños de Mondariz-Balneário non deben de crerse inda que o Gran-Hotel non existe. Se cadra, están os seus balos en pé. Pero nada máis. O tempo detívose o nove de abril do 1983, hai once longos anos. Desde entón, ninguén sabe, a ciência certa cando, en qué ano foi o lume. A pantasmagórica -pois que hai dados de que ainda non está formalizada- Sociedade Promotora de Turismo do Condado segue o seu camiño, sen resolver nada. O passado luns día 16 estaba prevista unha reunión que nen siquera tivo efeitos legais. Velaí, nas páxinas centrais, unha sembranza do que foi o incêndio e de como están as cousas agora mesmo. Aquel día foi como se parasen todos os relóxios da parróquia, en San Pedro, no Outón, no rio, na praza, na estrada. Aquel día, mentras o carrillón do Gran-Hotel facia xirar as suas agullas entoleadas polo lume e logo caía feito un facho acceso diante das olladas de todos os viciños axuntados às portas do lume, pararon os relóxios de Mondariz-Balneário. Agora sentámonos no Lurdes ou nas Colónias, a ver pasar o tempo, paseniño, de vez en cando un automóvil cambia de marcha na revolta e colle a pista, recen asfaltada, que vai a Vilasobroso, à espreita de que, dunha vez por todas, a Xunta ou a Diputaçión ou Pepe Castro ou quen sexa, arranxe a estrada que ven por Pias desde Ponteareas. Os relóxios deben seguir marcando a unha do serán, pouco mais ou menos, e os calendários, o nove de abril do 1973. Porque a cousa foi no 1973, non sí? Hai na parróquia, única parróquia de Galicia que ten goberno municipal, tal como deberia ser, división de opinións ou de lembranzas: foi hai sete anos, dí un. Non, que estaba eu no bachelerato en Ponteareas, hai máis, corta outra. Agora o tempo vese pasar de lonxe, como cousa allea e alguns aproveitam para ir velo pasar a outros lugares, a Mallorca, a traballar na hostelaria, que é o único que saben facer de toda a vida, veña Gran-Hotel e veñan portugueses burgueses tomar as medicinais àguas do lugar. En Mallorca, ou en Benidorm, uns aposentanse e ván chamando polos outros. Pouco a pouco, o Balneário vai ficando só coa sua soedade machadiana. Véndese, reclama o hotel pequeno, aposento dos non moi acaudalados que querian curar vai tí saber que reúma ou non sei qué cousa rara dos riles coas àguas de Troncoso ou coas da Gándara. Véndese, ofrece a casiña de pedra, à beira da estrada, catro patacos e logo a gastar os cartos para adecentala un pouco por dentro. Véndese, véndese tudo e ninguén quere comprar. Bon, iso de ninguén é moi relativo.

XOSÉ CURRAS (PUBLICADO EM “A PENEIRA” ANO I – 1984)

Deixar un comentario