Arquivos diarios: 01/04/2019

GALEGOS LISBOANOS (A BATALHA DE MONSANTO)

Mais a figura dos repartidores de pan desapareceu, de súpeto, das ruas de Lisboa um 16 de xuño de 1894, a consecuencia dun conflito coas autoridades municípais. O detonante eran as medidas de control que a Cámara Municipal tentaba facer do trabalho dos repartidores, coa imposición de fianzas e carnés de reparto, e o xeito abusivo co que as autoridades gobernativas tentaran levar adiante estas medidas, chegando à detención de repartidores pola falta dos devanditos documentos. A indignación dos trabalhadores era total, pois o motivo de fondo non era outro que a falta de peso dos pans, e eles defendían que non podían responsabilizarse desta fraude pois eran os donos das panaderías os que llos entregaban e, eles non tiñan medios para facer a comprobación de que o peso era o correcto. Despois dunha asamblea mantída polos traballadores no Club Terpsychore da Rua da Conceiçao, decidiuse marchar en manifestación cara ao goberno civil, encabezados por unha comisión nomeada para negociar a supresión dos carnés e as fianzas, e pedir a liberación dos repartidores detídos. Foi precisamente na altura da Ilha dos Galegos, no Largo das Duas Igrexas, onde as forzas da orde tentaron disolver a protesta, provocando enfrontamentos físicos e novas detencións. En consecuencia, os manifestantes tiveron que retroceder cara aos locais da Associaçao dos Operários Manipuladores de Pao, na rúa de Sao Bento, mentres a comisión continuaba a camiño para negociar coas autoridades. A comisión non conseguíu chegar a ningún acordo satisfactorio nin logrou a liberación dos compañeiros presos, polo que a clase continuou mobilizada nos locais sindicais durante todo o domingo 17 de xuño e, organizou unha nova asamblea na mañá do luns. Nesta xuntanza decidiuse enviar outra comisión negociadora, mentres os repartidores “grevistas” elixían como novo lugar de concentración a Serra de Monsanto, onde pensaban que poderían concentrarse libremente sen atrancos por parte das autoridades. Que o problema tiña atinxido xa unha enorme gravidade vén confirmado polo feito de que, a comisión chegou a ser recibida polo Ministro do Reino Joao Franco; mais o político do Partido Regenerador rexeitou modificar os regulamentos e derivou a liberación dos presos ao poder xudicial, polo que foi imposible calquera acordo. Entre 3000 e 4000 repartidores chegaron a concentrarse en Monsanto, baixo a vixilancia das forzas da orde pública. Os panadeiros organizaron un campamento no que ondeaba unha bandeira de cadros brancos e vermellos.

ELISEO FERNÁNDEZ