ACUEDUTO DAS ÁGUAS LIVRES (DIOGO ALVES)

.

               Sobre o lisboeta Val de Álcantara érguese o acueduto das Águas Livres, construído entre os séculos XVIII e XIX.  Ideado para distribuir a auga entre as distintas áreas da cidade, pasa a ser escenario dun dos máis coñecidos episodios criminais do país ao redor dos anos 1836 e 1839.  Amais de permitir a canalización de auga para as zonas máis alonxadas do centro antigo da cidade, o acueduto contaba cun paseo peonil que facilitaba a comunicación entre distintas áreas de Lisboa.  É aqui onde Diogo Alves leva a cabo a maior parte dos seus asasinatos, segundo as historias por idea de “A Parreirinha”.  Agochado nalgún dos moitos recunchos do acueduto, o ladrón esperaba a que pasase unha vítima solitaria, normalmente mulleres novas de boa familia ou comerciantes que voltaban de facer negocios na cidade.  Tras sorprendelos, roubaba todo o de valor que levaban con eles e lanzábaos dende un dos arcos principais do acueduto, duns 65 metros de alto, simulando que a persoa saltara voluntariamente.  O profesor doutor António José Gonçalves Ferreira, catedrático de Anatomía na faculdade de Medicina de Lisboa, apunta que “se atopaban corpos baixo o acueduto, normalmente de mulleres, que sufriran un importante traumatismo debido a unha forte caída.  Durante un tempo pensouse que era unha vaga de suicidios, até que se descubriu que unha cuadrilla de asaltantes estaba a actuar na zona”.  Cando as autoridades, alarmadas polo número de aparentes suicidios, comezan a indagar a posible causa, dánse conta do que está a suceder no acueduto.  Deciden pechar o paso polo camiño peonil e prohibir o paso de transeúntes, pondo fin á estratexia do grupo de delincuentes liderado por Diogo Alves, que se ven obrigados a buscar outra maneira de seguir cometendo os seus crimes.  O acueduto deixa de funcionar como principal fonte de auga para a cidade cara os anos sesenta.  Actualmente está considerado Monumento Nacional de Portugal e o museo ofrece paseos guiados por el.  Poucos meses despois do peche do acueduto, varios dos membros da cuadrilla, incluído Diogo Alves, son atrapados polas autoridades tras o asalto á casa dun coñecido médico lisboeta no que matan á súa familia.  A xustiza condénaos a morrer na forca no patíbulo da cidade, en Cais do Tojo, Pese a que as institucións non conseguen probar todos os asasinatos que se lle atribúen, o criminal xa conta con certa fama entre os lisboetas, que acoden en multitude a ver a execución.  Unha vez morto, a cabeza de Diogo Alves é separada do seu corpo e levada á facultade de Medicina de Lisboa onde descansa até agora conservada nun tarro de formol.

claudia vázquez

Deixar un comentario