GALEGOS LISBOANOS (DIOGO ALVES)

.

               Diogo Alves, nace en 1810 en Santa Gertrude de Samos, en Lugo, un pobo de actualmente pouco máis dun milleiro de habitantes. Atribúenselle popularmente entre 70 e 100 asasinatos durante un período de aproximadamente tres anos, entre 1836 e 1839, aínda que as autoridades nunca conseguiron probar o número exacto.  Fillo de campesiños, cuns trece anos múdase a Portugal na procura dunha vida mellor, un camiño que tomaron moitos galegos durante o século XIX.  Establécese en Lisboa, onde comeza a traballar en casas de familias ricas da cidade coma mozo de cabalería e cocheiro.  Pese a que empeza sendo un traballador exemplar, pronto se converte en afeccionado ao viño e ás tabernas e a ter relación cos criminais da cidade, mentres vai perdendo calquera vínculo cos seus pais e a súa terra.  Perde un traballo tras outro, por causa dos seus malos hábitos, e adquire fama na cidade de irresponsable no que non se pode confiar. Tras un episodio agresivo co seu último empregador.  Diogo Alves perde calquera posibilidade de traballo coas familias ricas e os comerciantes da cidade.  Sen outra forma coa que gañar a vida, xunta a un grupo de criminais e monta unha cuadrilla de ladróns e asasinos que terminarían por sementar o pánico en toda Lisboa.  Di a historia popular de Lisboa que por esta época Diogo Alves namórase perdidamente de Gertrudes Maria, a dona dunha das tabernas e casa de fados de mala reputación que o criminal frecuentaba, nunha pequena rúa de nome Águas Boas.  Máis coñecida coma “A Parreirinha”, contan que esta muller, no seu anhelo de facerse máis rica, instigaba o galego a cometer estes crimes para poder vivir do roubado.  Pese a ser Diogo Alves quen cometera os roubos e asasinatos, nos folletos e xornais da época é ela quen aparece retratada coma a responsable das decisións do  galego.  O odio popular, en lugar de dirixirse ao asasino, recae na Parreirinha, que é presentada como unha amante malvada que utiliza as súas “armas de mulller” para manipulalo.  A sociedade portuguesa do momento, profundamente relixiosa e machista, non ve con bos ollos a Gertrudes Maria, separada do seu marido e con dous fillos, e as crónicas retrátana coma a principal culpable do cambio de vida de Diogo Alves.  Quen podería ter sido un ladrón ou un asasino calquera, pasa á historia non só polo exorbitante número de mortos que deixa tras de si, senón tamén polos seus estraños e orixinais métodos.  Diogo Alves comete a maioría dos seus crimes no acueduto das Águas Livres,  dende onde lanza as vítimas ao baleiro facéndoas pasar por suicidas. 

claudia vázquez

Deixar un comentario