TUDO SE VEU ABAIXO EN POUCO TEMPO
.
Tense dito que o maxistério foi o sector máis represaliado na guerra civil e na dictadura franquista. O rexeitamento producido polos cambios materializouse na represión contra as mestras e os mestres a partir do 18 de Xullo de 1936. Quitar o crucifixo da aula ou casar civilmente eran probas acusatórias contundentes. Había que introducir castigos exemplarizantes como prevención para o futuro. Máis de 60.000 mestres e mestras foron depurados en todo o Estado español. Na provincia de Pontevedra, a comezos de setembro de 1936, o Gobernador Civil, Ricardo Macarrón, facía pública no Boletin Oficial da Provincia de Pontevedra (B.O.P.P.) a relación dos 438 (343 mestres e 95 mestras) que “se suspenden de sus cargos”. Aproximadamente unha cuarta parte da totalidade do maxistério provincial, dado que Pontevedra contaba entón cunhas 1.700 escolas. Dos 64 concellos da provincia soamente en tres (Mondariz Balneario, Pontesampaio e Portas) non houbo destitucións (Porto Ucha e Vázquez Ramil, 2018). No Concello de Ponteareas, quedaron sen escola 15 (12 mestres e 3 mestras), un terzo do maxistério primario, cuxa totalidade estaba nuns 45. Arredor deles xira o groso da depuración (Táboa I). Xa antes, o 20 de xullo de 1936 fora morto no antigo campo da feira de Pontevedra o mestre nacional do Confurco (Xinzo), Manuel Iglesias Filgueira, natural de Mourente. Tiña 31 anos e estaba solteiro. No pasado ano 2016 dedicamos un espazo da revista Pregón na súa memoria. Pero iso foi só o comezo. Pouco despois, o 11 de novembro de 1936 Franco asinaba en Salamanca o Decreto 66 do Goberno polo que se regulaba a maquinaria da depuraçón. Para o persoal do Maxisterio creáronse as famosas “Comisións D”, en realidade unha por província. Compoñian esa comisión un profesor de Instituto (Presidente), un inspector de Primeiro Ensino, dous mestres e un representante dos Pais de Familia, que examinaban a documentación e enviaban “á superioridade” a proposta de resolución, con distintas sancións ou cos pronunciamentos favorábeis. O proceso acadou ata 1942, como queda tamén reflectido na (Táboa I) para o concello de Ponteareas. Ademais dos separados provisionalmente en 1936, foron castigados con traslado e/ou suspensión de emprego e soldo Angel Lino Rodríguez Alonso (mestre de Bugarín), Segundo Eiras Abad (de San Mateo de Oliveira) e Manuel Díaz Prieto (de Xinzo). Os demais foron confirmados nos seus cargos, se ben D. Marcial Viéitez Pérez, mestre de Santiago de Oliveira que figura con esa resolución sen ningún tipo de sanción, morrera xa antes, en 1938. Ángel Rodríguez Gallardo, en “O ruído da morte”, “A represión franquista en Ponteareas” (1935-1939) (2006; 129-130) aporta tamén algúns datos. Non é sinxelo concretar o número exacto dos depurados/as, porque nas resolucións figura o nome da escola (da parroquia ou do lugar), que pode corresponder a concellos distintos.
.
anxo serafín porto ucha e raquel vázquez ramil
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.