EM “NOME” DE GUILLADE (IV)

.

               Os usos e recursos da parroquia, xa identificada cun territorio máis específico, se definen por parte do común  dos veciños cos costumes e aproveitamentos económicos que sinalan o espazo vital da parroquia, que resultará do equilibrio entre poboación e recursos, non só os directos da explotación agrícola das leiras senón tamén dos montes que complementarán unha economía de subsistencia.  A igrexa de Santa Leocadia ficará así como fito referencial, marco e límite da parroquia baixomedieval de Guillade, e tamén a capela de Santo tomé aparecerá como outro marco referencial nos límites parroquiais do século XVIII, evidencia de outro núcleo relixioso que foi xurdindo na primitiva parroquia de Guillade e que sendo abandonada nun momento indeterminado dos últimos séculos medievais pasaría a servir como referencia entre as parroquias de Guillade (Ponteareas), Cumiar (Ponteareas) e Mouriscados (Mondariz).  Os restos arqueolóxicos na zona evidencian unha ocupación que vai do Bronce Final-Idade do Ferro, a unha ocupación altomedieval, aparecendo cerámica asociada a este momento de ocupación, probablemente xa a ermida medieval de Santo Tomé.  A igrexa de San Miguel de Guillade xa corresponde a unha edificación realizada en 1801.  Entre finais do século XVIII e comezos do século XIX reedifícanse ou modifícanse moitas das igrexas parroquiais do bispado de Tui. A súa tipoloxía obedece ao momento, con formas aínda do barroco miñoto e tímidas expresións do clasicismo académico.  O resultado é o dominio das liñas sinxelas só ficando ornamentado o fornelo sobre a porta principal, coa imaxe de San Miguel.  A gran espadaña fica estruturada en tres niveis;  o primeiro de dous ocos semicirculares para as campás; o segundo un único oco semicircular; e o último un pequeño óculo no centro do tímpano triangular.  O recinto do adro da igrexa tamén ofrece unha interesante intervención, con dous fornelos flanqueando a cancela de entrada, con decoración de pináculos en baixorelevo e outras formas xeométricas.  Guillade ten boa ventilación, e clima saudábel, participa de monte e llano e é bastante fértil. Comprende os seguintes bairros:  Abal, Angostada, Cabadiña, Carreira, Castro, Eirado, Forquelos, Lama, Lomba, Pazo da Fonte, Portela, Ponte de Xil, Pazos, Piñeiro, Rañó, Reimonde, Mourigal, Surreira e Viñó.

léria cultural 

Deixar un comentario