O CRIME DE ANGOARES
.
Catro días antes do Nadal de 1945, tres axentes de policía comparecen na comisaría de Vigo. Facíano alertados polas revelacións nunhas conversas mal engulidas nas tabernas de Ponteareas. O viño e o clima teñen a astucia de desamarrar os segredos agochados nos remorsos da vida. Mais hai pesares capaces de partir as vidas polo medio. Como a de L. T., fillo de Dolores, quen naceu en Ponteareas o 2 de decembro de 1909, mariñeiro ponteareán, residente en Nova Iorque tres anos, entre 1924 e 1927, quen coñeceu Glasgw, Sudamérica e os países centroamericanos a bordo do Ulua, do Toloa, do Metapan ou do Pastores, quen fora soldado canda a República do 1931, quen perdeu a vida aos 28 anos porque se negou a vender unha finca lindante coa dun tablajero natural de Tomiño e residente en Angoares. Ninguén pensou que o asañamento da morte de L. T., unha precuela de Henry, retraro dun asasino, ficase burilada e mal enleada ao ruido da morte do 36. Desaparecido desde o inicio da guerra civil, para non ser acusado de “rojo”, a metade do corpo da cintura para abaixo de L. T. foi encontrada por un rapaz de Moreira e un veciño de San Mateo que pastoreaban o gando no Monte Alegre. Unha perna comida polas bestas. Unha identificación imposíbel. Os restos de cintura para abaixo seccionados pola columna vertebral a nivel da undécima vértebra. O sumario xudicial é coma un estilete: “posiblemente con un instrumento de filo romo a juzgar por la irregularidad de la superficie de sección”. Cando ás 17 horas do 29 de outubro de 1937 o alcalde de barrio de Moreira denuncia o horríbel crime, haberá de agardar máis de oito anos a que o viño dun boliche de Ponteareas desbocase a lingua dun dos catro veciños de Angoares culpábeis do asasinato de L. T. Un terreo lindante que L. T. se negaba a ceder. Unha enxurrada de ameazas que L. T. non consentiu quedarse a escoitar. Unha fuxida sen norte que amparou a violencia desacougante. Catro homes (tres contratados, por 150 ou 100 pesetas) contra un. L.T. fuxe polo tellado e intérnase nun campo de millo. Tópano nuns muiños. Cando lle dan caza no monte Roleiro, na parte alta dos muiños de David, en Arangueiro, apaléano, íspeno, átano cunha corda, tápanlle a boca cun pano de man e, cunha macheta primeiro (“no cortaba bien”, reza o auto), e cun serrón de carniceiros despois, en vivo, trózano primeiro pola cintura (“darvos presa”, escoitouse na madrugada), córtano en anacos logo (debaixo do peito, dos brazos, as mans, as pernas, a cabeza polo colo), para colocalos en tres sacos dos que os carniceiros acostuman misturar carne, sangue de matadeiro e sebo (“ninguén se decatará”, asegurou un dos asasinos). Despois ocultaron os sacos entre os espiñeiros, espallando o contido por diferentes lugares dos montes de Moreira. “Se alguén di algo, desóllovos vivos”, advertiu o xefe dos matachins, R. C. C. Ao día seguinte, topáronnos, os anacos, os pastores. Os peritos médicos afirmaron no xuizo que o desmembramento en vida non era nada habitual. De Nova Iorque, mercada uns meses antes, era a carteira que levava L. T. , con dúas fotografías, unha da súa nai e outra dun amigo descoñecido. E unha moeda de cobre de cinco céntimos. L. T. non se metía con ninguén. Tivo que escapar e fuxir agardando diariamente a comida que lle traía a nai”, confesa unha das testemuñas. Xulgados, foran condeados a trinta anos por asasinato. Dous dos asasinos foron enviados á Colonia Penitenciaria del Dueso, en Santoña. Alí chegaron en 1950. Un deles extinguiu pena en 1964. O principal responsábel do asasinato morreu no Hospital Penitenciario Eduardo Aunós en 1953 a consecuencia dunha úlcera duodenal con cirrosis hepática. O cuarto xa morrera antes da detención. A nai de L. T., A Ruca, faleceu o 4 de maio de 1939. Ela sempre quixo vender ese terreo.
ángel r. gallardo
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.