PREGÚNTOLLE AO VECIÑO XENEROSO

.

Pregúntolle ao veciño Xeneroso

pola fonte vella

e dime que inda non cansou.

Da fonte nova de Pazos

vou á fonte vella,

alá no cachafundo,

e adiviñoa tras os vimbios

e máis a broza de silvas.

Escondida e viva está

como a infancia nosa

no barrio

cando non se botara a perder

o riso de fuxir á chamada das nais.

Escondida e sonora anda

como toda a infancia,

como aquela en que, ocultos,

rubiamos castiros

pra sacarlle solfeo a botes e cacharros…

¡Ouh, Eido da Sorna, ouh lugares

da nenez agora con cerco

de silvas

e de uvas de can hoxe como onte

embriagados!

 

francisco candeira

Deixar un comentario