Arquivos diarios: 26/06/2017

BENAVIDES VS. IGLESIAS, O ÚLTIMO CANALLA DE PONTENOVO

.

               Non vén ao caso agora actualizar as Vidas Paralelas de Plutarco: nin se pretende; mais si semella interesante tirar do fío da vida pública de dous personaxes senlleiros e naturais de Ponteareas.  Interesante, quero insistir, até chegar mesmo a defender que por estes dous inimigos íntimos pasaron sucesos transcendentais da historia hespañola (coa agá de Castelao) do século XX: quer a Setmana Trágica de Barcelona ou a Guerra do Rif, quer o Bienio Negro da II República ou o propio golpe de estado feixista posterior.  Falamos do xornalista e escritor Manuel Dominguez Benavides (nado en 1895) e máis do político radical e polémico avogado Emiliano Iglesias Ambrosio (nado en 1878).  Republicanos os dous:  o primeiro, concienciado na esquerda – derivou do PSOE até posicións comunistas- e referente da intelectualidade antifeixista; e o segundo, cunha longa carreira política aboiando entre o populismo radical, o liberalismo, os intereses do capital e as relacións perigosas.  Un e outro cruzan notoriamente os seus camiños públicos cando Benavides escribe e publica El Último Pirata del Mediterráneo (1934), a renomeada e popular novela sobre a vida do polémico empresario balear Juan March Ordinas.  Na obra, Iglesias, vaise ver reflectido como un secundario imprescindible: no tempo era o home para todo do plutarca balear.  Benavides non terá piedade co seu paisano.  A publicación do libro (no Museo Municipal de Ponteareas consérvase un orixinal da primeira edición) foi un dos feitos máis significados da vida hespañola (insisto) de 1934 nos meses previos á Revolución de Asturias.  Convertido en anatema de inmediato pola poderosa influenza do magnate e contrabandista retratado, o libro acadou, porén e aínda baixo ameazas, grande sona, mesmo europea, multiplicándose de contado as súas edicións.  Un falar: en 1936 Benavides cede os dereitos da publicación á Unión Soviética para,  verquido ao ruso, ser distribuído de xeito masivo como exemplo das derivas caóticas do capitalismo que representaba March.  Mesmo en 1953, xa falecido o autor, volve a editarse polo PCUS, agora no seu orixinal, anotado e con biografía de Benavides, como libro de referencia para aprender o idioma nas escolas.  Daquela é unha brincadeira dar conta de que os espías rusos na crise dos mísiles de Cuba aprenderan o español (aquí si) coas floridas frases coas que Benavides conta a historia de Ponteareas no tal libro.  Así é.  Ao nos narrar como Emiliano Iglesias chega a ser o avogado e íntimo colaborador de Juan March, o autor dedica unhas poucas de páxinas á vida de Ponteareas, co nome mudado en San Miguel de Pontenovo.  O libro, nas súas primeiras edicións, como defensa legal do autor e da editorial que o publicou, recorre aos seudónimos; o propio Juan March é Juan Albert;  e Emilano Iglesias é Pepe Luna.  A descrición do protagonista, do March, é contundente en todo o relato;  mais a imaxe do seu cómplice, o Iglesias, non queda atrás.  Ao primeiro, Benavides, íspeo con moreas de datos até amosar a imaxe máis crúa, a máis fusca, a dun “pirata dos negocios”, a do ladrón -di- dos cartos e da conciencia do país.  E faino no intre en que se está a debater no Congreso a súa idoneidade como deputado.  Juan March xa é na altura un personaxe indispensable para entender o devir da triste historia do século XX hespañol:  el é o traficante que vende armas a Abd el-Krim na Guerra do Rif e el é o financeiro que apoia ao ditador Primo de Rivera para se beneficiar co monopolio do tabaco e do transporte marítimo.  Foi preso, xa coñecido como o Grande Corruptor, na primeira etapa da II República e, tras dunha fuxida que o transforma nunha celebridade europea, remata como deputado e membro no Tribunal de Garantías Constitucionais (!¡).  Logo, aínda financia o golpe de estado de 1936 e até mesmo negocia con Mussolini a intervención do exército italiano na Guerra Civil.  Contodo, ao segundo, a Emiliano Iglesias Ambrosio, Benavides resérvalle un papel de peso.  Sen el -di o autor- sería “muy difícil la comprensión de un hecho tan evidente como el  de que don Juan Albert figure en la sociedad española con una personalidad”. Será, xa que logo, a sombra do mafioso: un bribón, di, un canalla.  Dende El Tea (edición do 03.03.1932) xa o chamaban “El compadre del máximo contrabandista de España”, e rexeitan a adhesión que o daquela deputado electo pedía para non ser declarado incompatible co Parlamento “por su intervención en las porcalladas de Juan March”.  A súa traxectoria coñecémola dende moi cedo.  El Áncora, Diario Católico de Pontevedra (12. 10. 1898), reclama a atención sobre o xove Iglesias: sometido a xuízo por “delitos contra o governo e escarnio da relixión”.  A sona que acada lévao a se incorporar á primeira liña do partido radical de Lerroux, a quen segue a Barcelona.  Co xeito demagogo do seu líder, celebra numerosos actos nas sociedades obreiras da capital catalana entre citas de Reclus ou de Kropotkine.  Non lle collía o talento na cabeza, di, retranqueiro, Benavides, ao relatar esse período.  Muda en avogado polémico:  defende a Ferrer i Guardia logo do intento de rexicidio de Mateo Morral; e participa a dúas bandas nos sucesos da Setmana Trágica.  Entrementres, apadriñado por Lerroux, medra na súa carreira política.  Elixido deputado por varias veces, chega a gobernador civil de Barcelona e a embaixador en México.  Antes, polos anos da Ditadura de Primo de Rivera, é cando muda en compadre do March para servilo no papel de avogado do diaño e facerlle de ponte na política.  No libro sae narrado maxistralmente ese primeiro encontro (páxina 87 da 1ª edición).  Benavides, como diciamos, acha en Iglesias o elo co que pechar a cadea para atar en corto ao empresário balear.  Así, pescuda, con datos de primeira man, nas orixes do ponteareán, até presentalo como un herdeiro da nobleza galega vendida a Castela.  Aproveita para reflectir no relato (páxinas 130 a 142) unha síntese histórica fascinante (do atraso) da nosa terra e máis da propia vila de Ponteareas, onde se detén, gorentoso, cunha crúa visión da sociedade mercantil, señorita e fachendosa dos seus veciños.  Supoño que de aí o de Pontenovo.  Daquela, arredor do controvertido March, en paralelo, o Benavides dando a crónica (precisa e desgarrada) e o Iglesias como argallador, ambos os dous de Ponteareas, deixan pegada na tráxica historia hespañola do passado século.  Benavides morreu (1947) no exilio, en México, no que foi símbolo, aínda que borrado da memoria do seu país.  Deixaría escrito La Escuadra la Mandan los Cabos, onde informa, con profunda dor, como se viviu o 18 de Xullo no Condado.  Iglesias, logo de deixar a embaixada de México, non acadou acta de deputado nas últimas eleccións da República e faleceu en Madrid nos primeiros anos corenta, sen máis transcendencia (que xa lle chegou). Para rematar, non podo resistilo, traio, agora si, as Vidas Paralelas de Plutarco.  Cito textual da Comparación de Demóstenes e Ciceron:  “De los destierros, el del uno fue ignominioso, teniendo que ausentarse por usurpación de caudales, y el del otro fue muy honroso, habiéndosele atraído por haber cortado los vuelos a hombres malvados, peste de su patria”.

 

kiko neves        

ESTOU NAMORADO

.

Para un ser omnisapiente, yo no soy el hombre
Que ese jardín hace temer.  Sin embargo, lo he creado.

Adolfo Bioy Casares

Estou namorado:

vou facer un xardín

en torno da muller que está no penedo,

pra que fique contenta.

Un irmán meu

filma o meu pasatempo.

Tamén o filma a dobre da muller

que está no penedo.

Á medida que vou colocando flores

arredor do penedo

voume alonxando dela.

Decátome deste detalle cando xa estou moi lonxe.

Decido entón comezar

a arrincar as flores, fila por fila, para non pisalas,

pra acercarme á muller.

Cando chego ao penedo

a muller xa non está alá, desapareceu.

O meu irmán filmou todo,

o meu pasatempo e a fuga da muller.

A dobre da muller filmou todo,

o meu traballo e a fuga da muller.

E agora todos se preguntan

se eu son ela

e

se ela xa non é eu.

 

francisco candeira