UNHA VEZ PEPÍN FANGIO
.
Unha vez Pepín Fangio
despois de descubrir
unha planta de cannabis
nun Bar da vila…
Un día Pepín Fangio
logo de repartir
champán como quen regala
astros do tamaño de burbullas…
En certa ocasión Pepín Fangio
tras eloxiar a Russel
ou botarse a cabalo
dunha muller, bromeando…
Un serán Pepín Fangio
tras bailar enriba dun mostrador…
Pepín Fangio díxome unha noite
coa súa língua
despedindo lampos como espadas:
Vouche dicer quen son os portugueses:
Estaba nunha tasca de París
– e abrevio e conto de modo
deficiente o que foi contado
maravillosamente – estaba eu
nunha tasca e unha liorta xurdíu,
discutiuse e pelexouse longamente,
fun levar á casa os papeis da Faculdade
e cando voltei aínda estaban pelexando,
dun intre a outro, o portugués
cai ferido longamente,
xa no meio dun charco de sangue
levántase afouto e berra, berra alto:
!Rufino nunca morre, Rufino nunca morre!
!Rufino nunca morre, Rufino nunca morre!
isto me contou Pepín,
que tal vez sabe que precisamos valentía
pra gañar a eternidade, e que a eternidade
só é gañada polo valente que non ten medo á morte.
Nin medo á eternidade.
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.