NO SOÑO O TABULEIRO DE XADREZ
.
No soño o tabuleiro de xadrez
só aparece coas pezas perfectamente
colocadas como antes do inicio
cando desperto sobresaltado.
Un día percorrín
o tabuleiro de abaixo arriba,
coma se estivera de pé,
máis, coma se cada cadro fora un cubo.
Mellor dito, tamén o percorrín ao revés,
de riba abaixo:
entraba por un orifício á miña medida
máis despois
non conseguía voltar pra riba, pra trás,
coma se non puidera saír
polo mesmo sitio que entrei,
verme obrigado a furar
continuamente cara abaixo
como única saída ou esperanza posíbel.
Percorrín, baixando, todos
os cadros do tabuleiro:
como asfixiado e con temor
ía avanzando, avanzando,
sen saber se ía dar a algún lugar
respirábel.
Despois despertei de repente, sobresaltado,
vin de novo as pezas perfectamente
colocadas no tabuleiro,
preparadas pra comezar,
o tabuleiro deitado, horizontal.
Agachei as orellas, e fun beber
café con leite, e por riba un vaso de auga
– que me entrou coma un río
pola boca abaixo, ou pola guelra se fose unha troita.
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.