A HISTORIA DO MUNDO
.
A Historia do mundo
enlázase coa historia da memoria
nas regandixas da visión e do soño.
Hai un tabuleiro de xadrez
e nós imos pousando neste ou naquel cadro,
negro ou branco. Ás veces
non chegamos a pousar en todos.
Olvidamos uns, recordamos
malamente outros, e en dous ou tres
establecemos a nosa fixación.
Pode haber unha manta de retallos,
borrosamente ou con intermitencias
lembramos uns, non tocamos
ou non vimos nunca outros,
e recordamos sempre tres ou catro.
Despois introducimos
o tabuleiro de xadrez
e a manta de retallos
en senllas bolas, horizontalmente,
no medio e medio,
xogamos un partido de fútbol, ou dous,
con esas bolas, e os dous equipos
que xogan o partido
son corroborados pola Federación,
a Federación é apoiada polo Estado,
e o Estado remítese a unha Instancia Superior
– Deus, Azar, Destino-
que parece ser rixe todo, o Todo.
?Estará así formado o Mundo, o Reino da Loucura?
FRANCISCO CANDEIRA
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.